OurenseÚltima hora

Un proxecto de rehabilitación dun muíño do Antonio Faílde gaña o Premio Mestre 2017

Ledicia Veloso, recén titulada en Deseño de Interiores nesta escola de artes, foi a galardoada co premio que entrega a Confederación de Escolas de Artes Plásticas e Deseño de España
Ledicia Veloso con Francisco Javier_Rguez López, Coordinador de estudos deseño interiores EASD Faílde.

O pasado venres, 12 de maio en Tenerife, no Círculo de Bellas Artes, tivo lugar a cerimonia de entrega dos Premios Mestre 2017 organizados pola Confederación de Escolas de Artes Plásticas e Deseño de España.

Nesta ocasión, unha alumna de Ensinanzas Superiores de Deseño de Interiores da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, Ledicia Veloso, recibiu o Primeiro Premio na categoría de Traballos Fin de Estudos das Ensinanzas Superiores de Deseño. Dende a Escola de Artes ourensá destacan que “é un premio moi meritorio xa que é un único galardón que se outorga para as especialidades destas ensinanzas entre escolas de todo o Estado”.

Ledicia reflectiu no seu proxecto como un muíño fariñeiro de Allariz, que tamén funcionou como minicentral eléctrica tras a desaparición do antigo oficio, sería rehabilitado dándolle un novo uso, tamén vencellado ao río. En concreto, converteríase nun club de piragüismo. A proposta respecta ao edificio existente e enfatiza os seus valores etnográficos e culturais, destacan dende o Faílde. Asemade, os materiais que empregou no seu proxecto serían totalmente respectuosos co medio ambiente e facilmente reciclables “e dialogan con beleza da pedra e a serenidade da auga, obtendo espazos cálidos e harmónicos”.

Entrega de premios.

Artigos relacionados

Back to top button