EconomíaEconomíaÚltima hora

Un proxecto europeo aposta pola protección do patrimonio cultural das zonas de montaña

Denomínase CRinMA e nel participan o INORDE, a Cámara Municipal de Montalegre, ademais de membros da Xunta, do Ministerio de Facenda, representantes dos GDRs da provincia e Universidade de Vigo

O Balneario de Laias era o lugar escollido para a presentación na mañá do 20 de xuño do Proxecto Europeo CRinMA, cuxa finalidade é a protección do patrimonio cultural nas zonas de montaña. Nesta iniciativa participa o INORDE e a Cámara Municipal de Montalegre, xunto con membros da Xunta, do Ministerio de Facenda, representantes dos GDRs da provincia e da Universidade de Vigo.

O proxecto CRinMA, que conta cun orzamento de 1.199.250 euros, co-financiados polo Programa INTERREG EUROPA, busca mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña, o cal implica a mellora dos Programas Transfronteirizos e dos Programas Operativos Rexionais, e tamén un pensamento máis complexo sobre o papel do patrimonio cultural nas áreas de montaña, que se traducirá en melloras políticas e programas no futuro.

Ademais do Inorde son socios deste proxecto a rexión Podkarpackie (Polonia), a Axencia de Desenvolvemento Rexional de Presov (Eslovakia), o municipio de Montalegre (Portugal), a Asociación Europea de Representantes das Rexións de Montaña (Francia), e a Unión de Municipios de Montaña Piedmont-uncem Piedmont (Italia) e a rexión de Malopolska (Polonia).

O obxectivo desta reunión-mesa de traballo en Laias era constituír o Grupo de Stakeholders, que participará activamente no desenvolvemento das accións deste proxecto de Cooperación Interterritorial-CRinMA. O acto comezaba coa intervención do presidente do INORDE, Rosendo Fernández, quen expooñía os obxectivos e socios do CRinMA e instaba aos participantes a que aproveitaran ao máximo as oportunidades que supoñen os proxectos europeos en canto ao desenvolvemento económico das rexións.

Interviña asemade Fernando Moura, en representación da Cámara Municipal de Montalegre, quen abordaba a realidade e actuacións nas áreas de montaña desta zona do norte de Portugal. Asemade presentou a Boa Práctica do Ecomuseo do Barroso en Montalegre, financiado con Fondos Europeos.

Outro dos ponentes era o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, fixo unha breve puntualización á política do proxecto que se vai a tratar; en concreto, ao obxectivo temático de promoción, conservación do patrimonio cultural e natural. Así mesmo, presentou a Boa Práctica do Proxecto Estaciones, financiado con Fondos Europeos, e que conta co recoñecemento do Primeiro Premio Stephenson da Asociación Europea de Ferroviarios, que se amosará dentro do Proxecto CRinMA, no desenvolvemento económico destas áreas.

Entre os participante estaban ademais a xefa do Servizo de Xestión e Seguimento do POCTEP da Xunta de Galicia, Mª Carmen Juliani, e a conselleira técnica da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea e Desenvolvemento Urbano do Ministerio de Facenda, María José Búrdalo.

Ao remate dos relatorios, desenvolveuse un amplo debate participativo, no que os asistentes amosaron a súa implicación presente e futura, non só para este proxecto, senón para todo o que teña que ver co desenvolvemento rural desta área. E accederon a constituír o Grupo de Stakeholders.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button