En portadaSen categorizarÚltima hora

Un sousón valdeorrés, medalla de ouro no Concurso Mundial de Bruxelas

Neste prestixioso certame internacional tamén resultaban distinguidos outros seis viños ourensáns: un godello valdeorrés e cinco marcas da D.O. Ribeiro
Distinción recibida polo Viñaredo Sousón na última edición do Concurso Mundial de Bruxelas.
Distinción recibida polo Viñaredo Sousón na última edición do Concurso Mundial de Bruxelas.

Os dous únicos galardóns colleitados pola Denominación de Orixe Valdeorras na última edición do prestixioso Concurso Mundial de Bruxelas eran para viños elaborados pola Adega Santa Marta de Córgomo (Vilamartín). Lograba unha medalla de ouro para o Viñaredo Sousón e unha de prata para o Viñaredo godello.

Este concurso tiña lugar na cidade búlgara de Plovdiv entre o 29 de abril e o 1 de maio pasados e nel participaba un xurado conformado por expertos de 40 países diferentes e que catou máis de 8.750 mostras de viños de 52 países produtores. Neste certame tamén resultaban distinguidos outros 18 viños galegos, entre eles cinco da Denominación de Orixe Ribeiro e 13 da D.O Rías Baixas.

No caso do Ribeiro resultaba premiado cunha medalla de ouro o Pazo do Mar Expresión treixadura de Adegas Pazo do Mar. Ademais recibían a medalla de prata o Beade Primacía 2015 (A Portela SAT), o Pazos de Albor (da adega do mesmo nome), así como dous viños de colleiteiro: o Ramón de Casar 2014 e o Ramón do Casar Treixadura 2014.

Por outra banda, o Viñaredo godello da adega vilamartinesa Santa Marta tamén resultaba distinguido cunha medalla de prata no Decanter World Wine Awards do Reino Unido.

Artigos relacionados

Back to top button