ConcellosÚltima hora

Un xullo cargado de actividades de todo tipo no Carballiño

Festas dos 80’s; Carnaval de Verán, Feira Medieval, Música Familiar, Festival da Pintura e unha andaina noctura son as principais ofertas de ocio e cultura que presenta a vila
José Manuel Dacal e Diego Fernández.

A programación festiva e cultural do Concello do Carballiño prevista para este mes de xullo comezará o próximo sábado, día 8 de xullo, coa “Festa ¡VIVAN OS 80´s!” Será un evento novidoso que comezará ás 19:00 horas nos locais de hostalería e que proseguirá ás 22:oo horas na Pista Roxa, con diversas actuacións en homenaxe á música da década dos anos 80. Haberá tres grupos: o grupo local “33rpm” que fan versións do pop-rock dos 80´s; un tributo a Joaquín Sabina, co grupo “Números Rojos”, e un tributo a Queen, co grupo “McKuin”.

Esta festa, e ata unha ducia de eventos, foron presentados hoxe, 4 de xullo, polos concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Cultura, Diego Fernández. Ambos os dous fixeron fincapé “na cantidade e calidade da programación, que busca animar as rúas do Carballiño durante este mes de xullo e ofrecer un amplo abano de posibilidades de ocio e divertimento”. Así mesmo, dixeron que o sector hostaleiro estaba totalmente entusiasmado e implicado coas propostas do concello.

O público infantil e familiar ten unha cita o venres 14 de xullo, no auditorio municipal, co musical “Mary Poppins”, cuxa entrada ten un custo de 12 euros en venda anticipada.

Coincidindo coa feira do sábado 15, celebrarase o “Carnaval de Verán 2017”. O día anterior será o carnaval infantil cos nenos dos campamentos urbanos e, pola tarde-noite do sábado, terá lugar o desfile de comparsas, pasarrúas a cargo de “Festicultores Troupe” e charangas, a animación dun DJ na Praza Maior, e a media noite un concerto do grupo “Gin Toni´s”.

Por segundo ano consecutivo, o Concello trae a Feira Medieval “A Lirota” 2017. Será o venres, 21; sábado, 22, e domingo, 23 de xullo. Haberá engalanamento das rúas e locais hostaleiros, animación de rúa, mercado medieval e carpa gastronómica. Anúncianse máis actividades que na primeira edición, como cetrería e combates, e o mercado medieval duplicará o número de postos do pasado ano.

No ámbito formativo, celebraranse do 25 ao 28 as “Xornadas de Termalismo” na Casa da Cultura, organizadas polo Instituto de Estudios Carballiñeses.

E como novidade deste ano: o festival “HOLI PULPO”. Será o sábado 29. É unha proposta de ocio novidosa, que inclúe unha carreira dende a Praza Maior ás 17:00 horas e, a continuación, un festival no parque municipal. O principal argumento para o divertimento é o uso de pintura ecolóxica e unha sesión musical na que participarán os DJ “DE MELO”, “THE PRIETO BROTHERS” e “BIG BROWSERS”. O prezo da inscrición é de 10 euros, que inclúe unha camiseta e outros agasallos.

Na noite do sábado 29 tamén se celebrará unha andaina nocturna guiada aos petroglifos de Cangues (Madarnás-A Esgueva). Unha actividade organizada e dirixida polos arqueólogos do Centro de Estudios Chamoso Lamas.

O domingo 30, como prólogo das “Xociviga 2017”, terá lugar a proxección na Praza Maior da película “El bosque animado”, coa presencia do director José Luis Cuerda.

A todo isto engádese a música de rúa os domingos pola tarde na Praza Maior, a cargo de grupos locais, e bailes para os maiores no parque municipal.

Finalmente, a Biblioteca Municiopal oferta unha serie de actividades infantís de animación á lectura, contacontos e obradoiros para nenos de 6 a 12 anos. Haberá unha actividade na praza de abastos, “BIBLIOPRAZA”, o martes 11 de xullo, e outra nas piscinas, “BIBLIOPISCINA”, o xoves 20.

Artigos relacionados

Back to top button