DeportesÚltima hora

Unha cita solidaria co deporte na Rúa

Esta localidade valdeorresa prepara a súa III Carreira e Andaina Popular que se celebrarán o 21 de decembro
Participantes na pasada edición da carreira popular da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na pasada edición da carreira popular da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Rúa coa celebración da terceira edición da súa carreira de Nadal. Esta proba está programada para o vindeiro 21 de decembro e volverá a incluír a Andaina Popular de Nadal. Será precisamente esta camiñata, que cubrirá un traxecto de 8.000 metros, a que abrirá o programa deste evento deportivo. Os andaríns iniciarán o percorrido na praza da Estación da Rúa ás 11:30h.
Media hora despois, e dende ese mesmo lugar, tomarán a saída os participantes na carreira popular, tamén cunha distancia de 8.000 metros. Nesta cita poderán competir atletas absolutos, xuvenil/junior e veteráns (A, B, C e D), tanto de categorías masculinas como femininas.

Tamén terán protagonismo nesta cita deportiva as categorías base. Así, despois da entrega de trofeos da carreira (prevista para ás 13h.), comezarán a desenvolverse as probas dos atletas máis xoves. Ás 13:15h. terá lugar a saída da carreira dos cadetes e, de seguido, competirán os infantís, alevíns, benxamíns e prebenxamíns.

Esta proba terá asemade, como nas anteriores edicións, un carácter solidario xa que os atletas poderán aportar 1 quilo de alimentos.
As persoas interesadas en participar na andaina ou na carreira poderán realizar as súas inscricións a través dun formulario accesible na web da delegación valdeorresa de atletismo: http://www.fgatletismo.es/valdeorras/. O custe das inscricións, tanto no caso da carreira como no da camiñata, será de 6 euros. As inscricións deberán estar en mans da organización antes das 20h. do martes 16 de decembro, tal e como se sinala no regulamento da proba. Os interesados tamén teñen a opción de anotarse “o mesmo día ata unha hora antes do inicio da proba, tendo un custe de 3 euros, pero non terán dereito á bolsa do corredor”, segundo a organización. No caso dos nenos, as incricións poderán realizarse ata media hora antes do comezo das probas e serán gratuítas.

Os participantes poderán retirar os seus dorsais na secretaría da carreira, que estará situada na antiga cantina da Estación de Renfe na Rúa, cun horario de 9:30h. a 11h. para os andaríns e de 10h. a 11:30h. para os atletas.

Asemade recibirá trofeo o primeiro atleta local masculino e feminino. Tamén haberá premios e sorteos para os asistentes á andaina.
Esta terceira Carreira Popular do Nadal da Rúa será organizada polo Concello en colaboración coa Deputación provincial de Ourense, a Delegación da Federación Galega de Atletismo en Valdeorras e o Club Adas-Proinor.

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button