EconomíaEconomía

Unha ourensá gaña un vale de 1.000 euros para gastar nas xoierías de Galicia

O premio forma parte do sorteo que a Federación Galega de Xoiaría e o COXGA fixeron durante a campaña de Nadal. O número gañador foi distribuído pola Joyería Cid
Celso Pereira, Begoña Dacal e Antonio Rodríguez.

A ourensá Begoña Dacal Borrajo foi unha das galardoadas cun dos cinco vales de 1.000 euros que a Federación Galega de Xoiaría e COXGA (Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia) sorteaban na campaña de Nadal “Regala Xoiaría”.

Este premio sorteouse entre todos os clientes dos establecementos colaboradores de toda Galicia e, finalmente, o premio recaeu sobre o número 31.187, repartido na Joyería Cid de Ourense.

A agraciada recolleu o premio neste mesmo establecemento na mañá de hoxe, 21 de marzo, de mans de Antonio Rodríguez de la Torre, propietario da Joyería Cid e de Celso Pereira, representante en Ourense del COXGA. Begoña Dacal poderá usar este vale de 1.000 euros en todas as xoiarías colaboradoras na campaña de Nadal.

Certame de deseño escolar

Dende o pasado 27 de xaneiro e ata o 31 de marzo, a Federación Galega e o COXGA tamén teñen aberto o prazo de inscrición para o VIII Certame de deseño escolar “Deseña unha xoia para a túa nai”, co que animan ós nenos de 0 a 12 anos a deseñar a xoia que lles gustaría regalar polo Día da Nai. Xoieiros profesionais plasmarán os deseños gañadores nunha peza real para agasallar o Día da Nai.

O Certame vai pola oitava edición e todos os anos conta cunha gran acollida entre nenos, pais e colexios de toda Galicia. O ano pasado enviáronse máis de 9.000 deseños e este ano espérase unha participación maior nas catro categorías do concurso: ata os 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 e de 11 a 12.

O díptico de participación pódese recoller nas xoiarías colaboradoras (listado completo nas páxinas web www.coxga.es e www.fgxoieiros.es) ou descargalo das páxinas web da Federación e o Coxga. Unha vez feito o deseño e cuberto os datos debe enviarse ou presentalo na sede do Coxga (rúa Ramón Cabanillas, 5-7, 2ºB. 15701 Santiago de Compostela) ou en calquera dos establecementos colaboradores ata o 31 de marzo.

Un xurado composto por profesionais da xoiaría, a educación, a prensa e a arte será o encargado de seleccionar os 80 deseños finalistas, valorando a creatividade, a capacidade para representar a peza no deseño e a viabilidade para executalo. Para cada categoría elixiranse tres gañadores que serán os que verán plasmado o seu deseño nunha peza real que realizará un xoieiro profesional.

Artigos relacionados

Back to top button