En portadaÚltima horaXIX Feira do Viño de Valdeorras

Unha ruta de pinchos, antesala da XIX Feira do Viño no Barco

Nela participarán 15 locais da vila que ofrecerán pinchos elaborados con viños da D.O. Valdeorras a 1,5 euros os días 7 e 8 de xullo
Un dos momentos da presentación da I Ruta de Pinchos-Feira do Viño de Valdeorras, organizada por AEVA, O Barco CCA e o CRDO Valdeorras./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Un dos momentos da presentación da I Ruta de Pinchos-Feira do Viño de Valdeorras, organizada por AEVA, O Barco CCA e o CRDO Valdeorras./ Foto: Ángeles Rodríguez.

O godello e o mencía serán os ingredientes principais dos pinchos que se elaborarán na I Ruta de Pinchos-Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará os días 7 e 8 de xullo no Barco. Nela participarán un total de 15 locais da vila. Cada un deles servirá un pincho especial durante esas datas ao prezo de 1,5 euros. As propostas son moi variadas e orixinais:

– Pazo do Castro: salpicón con vinagreta balsámica de godello
– Café Bar Lisboa: carrilleiras de tenreira ao viño tinto
– Restaurante Fernando III: San Fermín
– Casa Galaica: pincho Galaica
– Vinum: peixe branco en crema de godello
– Café Bar Divino Paseo: escalopín de xamón en redución de godello á crema de tres queixos
– Piquiño Restaurante: carrilleiras de porco ao mencía con escuma de pataca e cogomelos
– 13/14: solombo rustrido con champiñóns
– La Pampa: solombo con redución de mencía
– Taberna O Buraco: costela de porco ao viño tinto
– Agarimo: milfollas de solombo con salsa Teriyaki de mencía
– Excalibur: chourizos ao inferno
– Café Bar San Roque: tenreira en salsa de arandos e viño tinto
– La Maltería: patacas bravas con moruno
– Bar Futuro: mexillóns con salsa de godello

Folletos coa guía de establecementos da I Ruta de Pinchos-Feira do Viño de Valdeorras do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Folletos coa guía de establecementos da I Ruta de Pinchos-Feira do Viño de Valdeorras do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Os pinchos elaboraranse con viños de mencía e godello e mencía xenéricos doados polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, tal e como explicaba a representante do sector Hostalaría da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Naya Benzal, na rolda de prensa ofrecida na mañá do 4 de xuño. Xunto a ela estaban a presidenta e a vicepresidenta do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Sandra Moldes e Ángeles Rodríguez; ademais do presidente do CRDO Valdeorras, Francisco García.

Para facilitarlle aos participantes o percorrido por este singular circuíto gastronómico dende a organización vén de editarse un folleto que inclúe os locais da ruta, o seu enderezo, así como o tipo de pincho e o horario no que se sirve.

Esta ruta será a antesala da XIX Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na fin de semana do 16 e 17 de xullo na praza de Viloira (O Barco).

Artigos relacionados

Back to top button