En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha vez máis, Valdeorras golpeada polos lumes

Unhas 132 hectáreas resultaron afectadas polo lume na Veiga de Cascallá e no Porto, dúas localidades do municipio de Rubiá

A gadoupa do lume segue a deixar, un ano máis, a súa pegada en Valdeorras. A piques de entrar no verán esta comarca víase afectada por dous lumes que comezaban na tarde do 17 de xuño no municipio de Rubiá. O primeiro deles iniciábase ás 15:30 horas na parroquia da Veiga de Cascallá e, segundo a nota de prensa que emitía a Consellería de Medio Rural ás seis da tarde, cifrábase a superficie afectada en máis de 20 hectáreas e matizábase que ningunha delas pertencía ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Sen embargo, no lugar podía comprobarse como a zona queimaba pasaba o letreiro que sinaliza este parque, entrando nunha pequena parte deste espazo protexido.

A proximidade das chamas vivíase con especial nerviosismo no pobo da Veiga de Cascallá, e mesmo algúns veciños informaban xa ao redor das seis da tarde da proximidade do lume a algunhas casas, polo que valoraban a posibilidade de abandonar o lugar. Contaban tamén como lles arderan castiñeiros e colmeares. E lembraban con pavor os sucesos do lume de agosto do 2012 en Valdeorras, que tamén cercaban este pobo de Rubiá, e tamén de hai unha década e subliñaban que “chove sobre mollado”. Criticaban ademais a escaseza de medios nos primeiros momentos do lume.

Segundo Medio Rural, nos traballos de control deste incendio da Veiga de Cascallá participan 1 axente forestal, 2 brigadas, 1 motobomba e 2 helicópteros. Na zona estaban asemade os Bombeiros de Valdeorras e efectivos da Garda Civil. Taméno alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, desprazábase ata o lugar para seguir de preto a evolución do incendio.

Pasadas as sete da tarde, a Consellería do Medio Rural informaba dun novo incendio acto neste mesmo concello valdeorrés, neste caso, na parroquia do Porto. Iniciábase ás 15:38 horas e, “segundo estimacións provisionais, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. Nos traballos de control deste incendio participan 3 axentes forestais, 6 brigadas, 1 motobomba, 6 helicópteros e 2 avións”, indicaban dende este departamento autonómico.

Xa ás ás 23:40 horas da noite a Consellería do Medio Rural daba por “controlados” os dous incendios e insistía en que “en ningún dos dous casos afectou ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra”. Ademais na mañá do 18 de xuño cifraba, segundo estimacións provisionais, en 47,96 hectáreas a superficie afectada polo lume na Veiga de Cascallá, “das cales 43,46 son de monte raso e o resto arborado”. Nos traballos de extinción participan 2 axentes forestais, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 helicópteros.

No referente ao incendio rexistrado na parroquia do Porto, este danou “unha superficie de 83,75 hectáreas de monte raso”. Nos labores de extinción traballan 4 axentes forestais, 9 brigadas, 3 motobombas, 6 helicópteros e 2 avións.

Finalmente, ás da noite do 18 de xuño, Medio Rural emitía unha nova nota de prensa na que informaba da extinción deste dous incendios forestais. “O lume que se iniciou onte na parroquia da Veiga de Cascallá quedou extinguido hoxe ás 20:05 horas. Afectou, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 47,96 hectáreas, das cales 43,46 son de monte raso e o resto arborado”. Sobre o de Porto, informábase de que “quedou extinguido hoxe ás 20:09 horas e afectou, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 83,75 hectáreas de monte raso”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button