OurenseÚltima hora

Unha vintena de hostaleiros competirán en Barbadás por ofrecer o mellor pincho

O Concurso “Bocados de Barbadás” celebrarase esta fin de semana e contará cun xurado profesional de excepción formado polo gañador de MasterChef, Jorge Brazalez

Barbadás vaise de pinchos esta fin de semana. O II Concurso de Pinchos “Bocados de Barbadás” pretende, este segundo ano, “acadar o éxito da edición pasada e converterse nunha cita obrigada no calendario gastronómico de Galica”, asegurou a concelleira de Comercio de Barbadás, Marga Pérez, na presentación de hoxe, 13 de setembro, deste certame.

Jorge Brazalez, gañador de MasterChef. // Foto: redes sociais.

Nesta edición, que se celebra os días 15, 16 e 17 de setembro, participarán un total de 21 establecementos que traerán as súas propostas “de temática libre”, dixo a edil,  e a un prezo de 1,50 euros. Como o ano pasado, concederanse dous premios: O do xurado profesional e o do xurado popular. O xurado profesional contará con xente de renome como o gañador de MasterChef deste ano, Jorge Brazalez; o gañador do concurso Tapas por Galicia, Miguel González; e os “bloggers” gastronómicos Luis Oliveira, Pilar López e Inés Carcacía. Como novidade deste ano, serán os hostaleiros os que acheguen as súas propostas “a un box que estará situado na avenida de Celanova, entre os números 37 e 39”, anunciou Marga Pérez. Os concursantes irán en grupos de cinco e o xurado estará alí o sábado de 11:00 a 12:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Por outra banda, o xurado popular poderá votar a través dunha papeleta que lle darán tras consumir un pincho no local. “A xente deberá consumir un mínimo de catro pinchos para despois cualificalos”, dixo a concelleira de Comercio. Así é todo, a xente poderá votar de xeito ilimitado. Segundo os datos do ano pasado, houbo un total de 5.000 votos.

En canto aos premios, por unha banda os comensais que participen na votación popular entrarán no sorteo de catro vales 50 euros para consumir no comercio local de Barbadás e haberá un quinto premio dunha visita a unha adega e unha cea para dúas persoas.

En canto aos hostaleiros gañadores do concurso, estes recibirán un diploma e “haberá un premio en metálico que anunciaremos o propio día do concurso”, dixo Marga Pérez.

Os horarios para degustar os pinchos son o venres de 19:00 a 23:00 horas e o sábado e o domingo de 12:00 a 15:30 horas e de 19:00 a 23:00 horas.

Pero a gastronomía non será o único que ofrecerá “Bocados de Barbadás”, xa que o venres e sábado á noite haberá cantos de taberna nos locais coa agrupación local “Amigos do Téquele” e o domingo haberá animación polas rúas co grupo de percusión “Os Percutores”. Todo isto sumado á animación infantil.

Na presentación de hoxe tamén estiveron presentes as gañadoras do concurso do ano pasado, Isabel Almeida (xurado profesional) e Virginia Álvarez (xurado popular), que presentaron as propostas gañadoras desa edición e que aseguraron que esta é unha iniciativa moi positiva para a promoción do comercio local. A pesar de que non quixeron adiantar algo da súa aposta para este ano, ambas as dúas foron ambiciosas xa que aseguraron que nesta edición saen a gañar.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button