CulturaÚltima hora

Unhas 2.000 persoas participaron nas actividades do Silfest do Barco

A asociación organizadora fai balance positivo da segunda edición e asegura que a intención agora é lograr “facer unha terceira”
Un momento dos concertos do sábado noite, á beira do río.
Un momento dos concertos do sábado noite, á beira do río.

O II Silfest celebrado os pasados días 19, 20 e 21 de agosto no Barco deixou moi bo sabor de boca. Esa é a valoración que fan desde a asociación cultural organizadora do evento. Un dos membros, Jorge Álvarez, puxo cifra a ese éxito e asegurou que contaron cunha afluencia de “2.000 persoas en total” durante as tres xornadas do programa. “Houbo actividades que estiveron colapsadas, sobre todo houbo moitos nenos”, explicou en declaracións ao Periódico O SIL.

O festival naceu o ano pasado coa idea de ofrecer algo distinto ao mesmo tempo que se potenciaba o incomparable marco que ofrecen as beiras do río Sil ao seu paso pola vila barquense. Tamén gañou atractivo ao confluír varias vertentes de ocio nun mesmo entorno como a música, o viño, a gastronomía, o cinema e mesmo a poesía.

“A xente respondeu, o tempo acompañou e, ademais, viñeron moitos de acampada”, engadiu Álvarez, dende a Asociación Cultural Silfest. Na súa segunda edición xa rexistraron 40 participantes procedentes das catro provincias galegas e mesmo da veciña León. Tamén a cata de viños do sábado reuniu a un bo número de curiosos que puideron degustar caldos de cinco bodegas locais, baixo os apuntes da sumiller Mercedes González.

Agora, unha vez baixado o telón, toca “facer números” pero a intención é lograr “facer unha terceira edición”, din desde a organización. “Damos as gracias á xente que participou; se hai terceira edición é grazas a eles”, continuou Álvarez, que recoñeceu que iniciativas coma esta redundan no beneficio de todos.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button