OurenseÚltima hora

Universidade e Deputación renovan o seu convenio por 220.000 euros para cultura, deporte e investigación

O reitor, Salustiano Mato, sinalou que o Campus de Ourense é “o máis consolidado, solvente e conta con máis elementos de sustentabilidade”
Salustiano Mato e Manuel Baltar.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu na mañá de hoxe, 22 de marzo, a sinatura dun convenio entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo que dotará ao Campus de Ourense cunha axuda de 220.000 euros para a investigación, actividades culturais e deporte.

Estes cartos serán destinados ao programa de proxección universitaria e actividades culturas como: obradoiros, cursos de verán, promoción da investigación e a cursos e seminarios como o de “Didáctica da ficción e creación literarias”, así como actividades que fomenten a igualdade e a inclusión. Tamén atinxe ao Programa de Apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus e o Programa de Apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense.

Os encargados da sinatura deste novo convenio foron o reitor da Universidade viguesa, Salustiano Mato, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar. Este convenio ten carácter anual. Segundo declarou o presidente do executivo provincial, esta sinatura serve para “seguir fortalecendo a alianza estratéxica entre a Deputación e este ámbito de coñecemento como é o Campus de Ourense, para que a aposta polo mesmo e a innovación redunde en beneficio da provincia de Ourense”. O xefe do executivo provincial sinalou que este ano incrementouse a contía.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Salustiano Mato, sinalou que esta renovación do convenio é “un compromiso que ano tras ano demostra a institución provincial con Campus de Ourense nos ámbitos da actividade cultural e deportiva e na investigación”. Asemade, Mato lembrou que o Campus de Ourense é o máis consolidado, solvente e o que conta con máis elementos de sustentabilidade. “É un campus especializado, o cal nos permite atraer talento a Ourense”. O reitor destacou que o Campus ourensán acada “o 96% de ocupación da oferta que temos de matrícula, e máis do 50% dos estudantes que chegan a este campus son de fóra da provincia”.

Artigos relacionados

Back to top button