DeportesÚltima hora

Uns 130 nenos do Barco de Valdeorras participarán nos cursos de natación gratuítos do Concello

Os cursos están dirixidos aos cativos de 3º de Primaria e comezarán este luns na piscina climatizada
Piscina climatizada do Barco de Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

O vindeiro luns 24 de abril comezan, na Piscina Municipal Climatizada do Barco de Valdeorras, os cursos de natación para escolares de 3º de Primaria da vila barquense, organizados pola Concellería de Deportes.

Tal como explican dende o Concello o programa consiste en 8 sesións gratuítas para cada un dos catro cursos que participan (dos colexios Condesa de Fenosa, Divina Pastora, Otero Pedrayo e Julio Gurriarán), co obxectivo de “introducir a iniciación ou o perfeccionamiento á natación dentro da programación de Educación Física”. As clases concluirán o 19 de xuño.

A Concellería de Deportes financia integramente esta actividade, que contará con monitores para a atención e aprendizaxe dos cativos participantes, así como o traslado en autobús para os dous centros escolares que necesitan transporte. Tal como adiantan dende o departamento de Deportes do Barco, entre os 130 cativos que participarán nos cursiños hai dous con necesidades educativas especiais, polo que contarán con monitores especializados e atención personalizada, “co fin de que poidan seguir a actividade xunto ao resto de compañeiros”.

Artigos relacionados

Back to top button