EconomíaEconomíaÚltima hora

Uns 26.000 castiñeiros galegos serán inoculados contra o chancro neste ano

Adiantábao o director xeral de Ordenación Forestal no Parlamento galego na tarde do 16 de xaneiro

 

Souto de castiñeiros./ Foto: Carlos G. Hervella

No ano 2003 realizábase un primeiro estudo profundo da natureza e distribución do chancro do castiñeiro en Galicia co fin de atopar as cepas hipovirulentas que permitisen controlar e diminuír esta enfermidade ao estar en contacto coas cepas daniñas. Logo de desenvolver os inóculos hipovirulentos, procedeuse a levar a cabo estes tratamentos en parcelas experimentais e vistos os resultados positivos acadados comezouse a traballar fóra destas parcelas no 2011 para así sanear os soutos públicos e privados.

Dende que se puxo en marcha este tratamento no ano 2011 en colaboración coa Deputación de Pontevedra -a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro- pasouse de ter 93 solicitudes por parte de particulares a máis de 1.500 no ano 2016, onde se trataron 16.037 castiñeiros. Así o recordaba na tarde do 16 de febreiro no Parlamento galego o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, que sinalou que os resultados acadados ata o de agora eran moi satisfactorios, indicando ademais que os resultados obtidos ata agora eran moi satisfactorios.

O director xeal tamén comentaba que no que vai de ano recibíronse máis de 700 solicitudes e tratáronse preto de 3.300 castiñeiros, que sumados aos que se levan inoculado dende 2011 fai un total de preto de 70.000 árbores. En concreto ao longo deste ano 2017 a Consellería do Medio Rural prevé inocular uns 26.000 castiñeiros con cepas hipovirulentas para facer fronte ao cancro do castiñeiro e así preservar os soutos da xeografía galega.

O director xeral avanzaba tamén que a Consellería do Medio Rural está levando a cabo varias liñas de traballo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán para reforzar as variedades de castiñeiro e facelas máis resistentes e tolerantes a certos factores bióticos (pragas ou enfermidades). Así, avanzou que neste ano desenvolveranse os ensaios de inoculación con cepas virulentas do cancro en portaenxertos e clons para madeira; mentres que no ano 2018 se incorporarán os ensaios ás variedades tradicionais enxertadas de produción de castaña.

Artigos relacionados

Back to top button