EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

UUAA critica a presentación da lista de viticultores independentes ás eleccións ao CRDO Valdeorras

Convocaba unha rolda de prensa para asegurar que non era legal esa candidatura, mentres que Ricardo Dobao (cabeza de lista dos independentes) defende a legalidade da mesma
Un dos momentos da rolda de prensa de Unións Agrarias no Barco.

Con tensión se camiña cara ás eleccións para renovar o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, que se celebrarán o 9 de xullo. Tras ser rexeitada no pleno deste organismo do 19 de xuño a reclamación presentada pola candidatura de viticultores independentes, “ao entender que non cumpre os requisitos para poder optar aos comicios do organismo”, Unións Agrarias (UUAA) daba unha rolda de prensa no Barco na mañá do 21 de xuño.

No acto comparecían o candidato da lista de Unións Agrarias ao consello regulador, Evaristo García, e José Ramón González, responsable de Agricultura e Producións estensivas da executiva nacional do citado sindicato. Ambos censuraban a presentación da lista de viticultores independentes ao considerala “unha usurpación do dereito de representatividade dos agricultores por parte dalgunhas adegas industriais”. Consideran esa lista “ilegal de pleno dereito” e piden á Consellería do Medio Rural que comprobe que non cumpre os requisitos para poder presentarse ás eleccións.

Pola súa banda, o cabeza da lista dos viticultores independentes, Ricardo Dobao, defende a legalidade da candidatura. “Son un viticultor máis, é verdade que traballo nunha adega, pero iso non ten nada que ver. O resto de persoas que van comigo na candidatura, algunhas son autónomas e outras traballaban noutras adegas, iso é independente, somos viticultores e estamos aquí para axudar a Valdeorras, non para porlle zancadillas”. Explica que o “Consello Regulador botou atrás a miña candidatura por considerarla fraudulenta cun criterio moi subxectivo, sen basearse en ningún artigo da lei. Entón nós presentamos unha alegación no consello, que foi rexeitada no pleno do día 19 de xuño, e agora vimos de presentar a reclamación ante a xunta electoral. E fixémolo porque cremos que a candidatura é totalmente legal”.

Artigos relacionados

Back to top button