En portada

Valdeorras abre a vendima en Galicia

Tamén na Ribeira Sacra, e en concreto, no municipio de Quiroga vén de iniciarse a recollida de uva
Primeiras labores de vendima na D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
Primeiras labores de vendima na D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

A vendima galega comeza un ano máis en Valdeorras. Nesta denominación de orixe ourensá iniciábanse os labores de recollida de uva o día 27 de agosto. En concreto, era a adega Roandi de Éntoma (O Barco) a que empezaba a vendimar a variedade godello para e elaboración do seu escumoso Brinde. Xustamente dous días antes, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aprobaba as datas da campaña deste ano, que comezará de forma oficial o 1 de setembro e se prolongará ata o 26 de outubro. A seguinte adega en meterse en vendima foi Godeval en Xagoaza, tamén no Concello do Barco. Farao nada máis iniciarse setembro.

E mentres en terras valdeorresas xa se estaba de recollida, noutras denominacións de orixe da provincia estábanse a desenvolver os controis de maduración para concretar a data máis axeitada para o inicio da campaña. Así sucedía na Ribeira Sacra, onde os técnicos do seu consello regulador realizaban a finais de agosto controis de maduración en parcelas representativas das cinco subzonas que compoñen esta denominación, dacabalo entre as provincias de Ourense e Lugo: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.

Xa primeiros de setembro, antes de que o consello regulador determinase a data recomendada para o inicio da campaña, a adega Val de Quiroga S.L. na subzona de Quiroga-Bibei, en Quiroga, comezaba xa a recoller a uva. Ademais outras dúas
adegas comunicaban ao órgano réctor o inicio da vendima, obtendo o permiso para facelo o sábado día 6. Trátase de Adega do Mollón S.L., ubicada en Nogueira de Ramuín (Ourense) e pertencente á subzona de Ribeiras do Sil; e José Manuel Rodríguez González, ubicada en Doade, Sober (Lugo) pertencente á subzona de Amandi.

“Estas adegas obtiveron permiso para iniciar a vendima debido ás características e ubicación dos seus viñedos que fan que a uva cumpra os parámetros esixidos polo Consello Regulador para poder iniciar a recollida de uva”, segundo se informa dende o CRDO Ribeira Sacra.

No caso da Denominación de Orixe Monterrei o comezo da vendima prevese para mediados de setembro. Tamén nesas datas, e máis en concreto a partir do 11 de setembro, algunhas adegas da D.O. Ribeiro empezarán a recoller as primeiras uvas desta campaña vitivinícola.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button