EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras presenta a súa añada do 2016 en Santiago

O acto, celebrado na Finca Trece Pinos, incluía unha cata comentada con Xoán Cannas, presidente do Instituto Galego do Viño

Máis fresca, más atlántica. Así é a añada do 2016 dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras en opinión de Xoán Cannas, presidente do Instituto Galego do Viño. Unha añada que se presentaba na tarde do 6 de marzo na Finca Trece Pinos, en Santiago de Compostela, cun túnel do viño no que podían degustarse 49 referencias de 23 adegas valdeorresas.

Este acto, conducido polo actor Javier Veiga en clave de humor, reunía a máis dun cento de persoas, principalmente profesionais do sector, como hostaleiros ou distribuidores, así como diversos representantes políticos da comarca, entre eles o deputado autonómico valdeorrés Moisés Blanco. No seu decurso interviña o presidente do Consello Regulador valdeorrés, Francisco García, quen resumía o propósito deste evento “que todos vostedes poidan constatar a calidade dos nosos brancos e tintos e o saber facer único que os singulariza”. Destacaba asemade a calidade do traballo das adegas valdeorresas e o aumento das exportacións a mercados como Estados Unidos, Reino Unido ou Xapón.

O peso do sector e o seu avance nas vendas ao exterior era asemade resaltado pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo. “A campaña do 2015/16 supuxo en Galicia 40 millóns de litros, dos cales o 10% corresponde a Valdeorras, o que supón 24,5 millóns de euros”. E incidía na importancia de “dar un paso máis aló” e seguir avanzando na comercialización nos mercados internacionais. Antes dela tomaba a palabra, en representación da Deputación de Ourense, Juan Anta, alcalde da Veiga, quen aludía á aposta provincial que se está a facer polo sector vitivinícola.

Xa na parte final do acto, tomaba a palabra Xoán Cannas quen valoraba a añada valdeorresa do 2016, “que resultou sumamente complexa” debido ás condicións meteorolóxicas, pero que a pesar diso deu lugar a viños de calidade. Tamén facía unha cata comentada dun godello, dun mencía e dun garnacha.

A continuación os asistentes podían degustar as diferentes referencias presentes: 26 de brancos, 22 de tintos e un escumoso. Pertencían a 23 adegas amparadas pola D.O. Valdeorras: A Coroa, Alán, Cepado, Melillas, Quinta da Peza, A Tapada, Cooperativa Xesús Nazareno do Barco, Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa, Enrique Mayo López, Felipe Mayo Alonso, Godeval, Joaquín Rebolledo, María Teresa Núñez Vega, Manuel Corzo, Roandi, Sampayolo, Santa Marta, Virxe de Galir, Eladio Santalla, Fornos, Guitián y Blanco, Terriña e Valdeiga.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button