En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras sae á rúa contra a violencia de xénero

O Barco era un dos concellos da comarca nos que se celebraba unha concentración e se daba lectura a un manifesto neste mediodía

A praza do Concello do Barco convertíase en escenario no mediodía do 24 de novembro dunha concentración para celebrar o Día internacional contra a Violencia de xénero, cuxa data propiamente dita é a do 25 de novembro. Vestidos coa camiseta da campaña “Valdeorras en negro”, que se desenvolve dende o 20 de novembro, concelleiros, traballadores da Administración local e veciños reuníanse na praza, onde a edil de Comercio, Irene Dacal, daba lectura a un manifesto.

“Queremos ratificar o noso firme compromiso de rexeitamento da violencia de xénero. E tamén reiterar a nosa vontade de traballar ata conseguir a súa erradicación, traballando activamente día a día. Porque para acabar coa violencia requírese o compromiso individual e colectivo durante todos os días do ano”, aseguraba Dacal.

No manifesto tamén se lembraba a elevada cifra de mulleres asasinadas en España por esa causa, e incidíase en que “temos a convicción de que a tolerancia cero coa violencia contra as mulleres debe ser un valor, e como tal debe ser defendido pola sociedade no seu conxunto. Os nosos concellos, as nosas comarcas, cada vila, estamos sumando esforzos para difundir o que este día significa”. Esta concentación barquense remataba entre aplausos.

Este mesmo acto repetíase nas prazas dos concellos da Rúa, Petín, Vilamartín e A Veiga, así como nos centros educativos e sanitarios. Ademais o comercio súmase á campaña “Valdeorras en negro” con cartelería alusiva á mesma e os comerciantes visten durante este día camisetas negras ou expóñenas nos seus escaparates.

Máis información e fotos:
https://osil.info/concentracion-na-rua-violencia-de-xenero/
https://osil.info/no-ies-martaguiselado-barco-co-maltrato-non-trato/

A capital homenaxea ás vítimas da violencia machista

Artigos relacionados

Back to top button