PolíticaÚltima hora

Un valdeorrés na nova executiva do PSdeG

Miguel Bautista, alcalde de Petín, forma parte do novo equipo de 49 persoas que dirixirán o partido socialista galego

Do XIII Congreso do Socialismo Galego, celebrado nesta fin de semana en Santiago, sae unha nova executiva federal socialista formada por 49 persoas, que contará con tres vicesecretarías e estará presidida por Xoaquín Fernández Leiceaga. Da nova executiva do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, formará parte un valdeorrés, o alcalde de Petín, Miguel Bautista, que se ocupará da área de Emigración. Dentro deste equipo hai asemade outros nomes ourensáns como é o caso de Francisco Fumega (alcalde do Carballiño) dentro da área de Política Municipal, Elvira Lama (Comercio) ou Concepción García (Comité Federal). A nova executiva lograba un respaldo do 71,18% dos asistentes ao congreso.

Na xornada de clausura, na mañá do día 29 de outubro, Caballero referíase a unha nova etapa no PSdeG e presentaba un partido máis aberto e máis activo, “recuperemos o estar presente na sociedade” e crear “unha alternativa de esquerdas”. A súa meta será construír “unha coalición social de progreso, co activismo social, os sindicatos, os movementos agrarios, e as ongs”. Se hai tantos vectores de cambio, de insatisfeitos coa dereita, “hai que ordenalos detrás do PSdeG para cambiar o Goberno do PP”.

Tamén poñía a mirada nas vindeiras eleccións locais do 2019. “Comecemos a traballar polas municipais”. Neste senso, Gonzalo Caballero instaba aos seus compañeiros a recordar á cidadanía a nosa capacidade de Goberno” demostrada ao longo da historia. Só os socialistas son a garantía de “gobernos estables como alternativa á dereita e á ineficacia e demagoxia doutras formacións que teñen emerxido”, dixo.

Dende o punto de vista orgánico, aludía á recuperación da estrutura comarcal, que reforzará o apoio aos concellos. Defendía tamén a autonomía do PSdeG dende a lealdade ao partido socialista. Despediuse dos delegados e delegadas lembrando que “todos somos instrumentos ao servizo dunha causa: o interese xeral da cidadanía galega, que nos agarda”.

Caballero agradecía ademais a presenza no XIII Congreso do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. “Se aproveitamos as primarias, e o ciclo electoral que se abriu con esta consulta”, que asimilou ao de outros momentos como o de Felipe González ou Zapatero, “poderemos lograr o cambio en España, acabar cun goberno sen proxecto e inmerso na corrupción como o do PP”. O cambio, asegurou, “só será posible co impulso do PSOE e presidido por Pedro Sánchez”.

Pola súa banda Pedro Sánchez felicitaba a Gonzalo Caballero polo seu novo cargo e trasladáballe o “apoio decidido” de toda a Executiva Federal para que comece a traballar xa para os comicios de 2019. Do PSdeG destacaba que, cando gobernou en Galicia, demostrou que, para a esquerda, “o prioritario son as persoas antes que os territorios”.

Artigos relacionados

Back to top button