A valdeorresa Cristina Murga presenta en Sober os primeiros escumosos da Ribeira Sacra

Trátase dun escumoso branco con treixadura e godello e outro con branco lexítimo, que sairán ao mercado no Nadal baixo a marca “Chris”

A pé de viñedo e de cova dábase a coñecer na mañá do 13 de outubro os primeiros escumosos que se elaboran no territorio da Ribeira Sacra. Levan o nome de Chris e xurden da man da enóloga valdeorresa Cristina Murga, que utilizou neles as variedades brancas de treixadura e godello, por unha banda, e noutra elaboración o branco lexítimo. Este acto de presentación estaba apadriñado polo Concello de Sober, cuxo alcalde, Luis Fernández Guitián, acompañaba á autora desta nova elaboración.

Segundo explicaba Cristina Murga na presentación, estes escumosos teñen sido elaborados durante tres anos na súa cova de Sober, polo tanto son escumosos de reserva, e a súa comercialización está prevista a partir do Nadal. A autora explicou que a cova presenta as condicións idóneas para a súa segunda fermentación.

Ademais da presentación do produto e de explicar os pormenores da súa elaboración tamén se fixo unha degustación dos viños nos que traballa. Trátase dunha iniciativa novidosa que se asenta en Sober por consideralo a promotora como o lugar máis axeitado.

A enóloga é especializada en espumosos e convencida do potencial que ten en Galicia este tipo de elaboración, decidiu emprender un novo proxecto propio despois de ter traballado na DO Valdeorras. Asegura que se trata de algo “moi ilusionante”. Os seus anteriores traballos foron ‘Danza’ e ‘Brinde’.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, saudou esta iniciativa que “permite usar a uva deste territorio para abrir novos mercados e seguir levando o nome de Sober por todo o mundo”.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies