ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Varios centos de persoas concéntranse no Barco contra o lume

“Lumes nunca máis!”. Era o berro reiterado co que finalizaba a concentración que tiña lugar a partires das sete da tarde do 16 de outubro na praza do Concello do Barco. Varios centos de persoas de diferentes puntos da comarca (moitas delas con mascariña polo denso fume dos incendios que envolvía a vila), sumábanse a este acto de repulsa pola grave vaga de incendios que está sufrindo Galicia e, principalmente, a provincia de Ourense.

Ao redor das sete e media a vilamartinesa Sofía Carril daba lectura a un manifesto que principiaba lamentando “profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados que asolaron esta noite montes e poboacións de distintos puntos de Galicia”, así como de Portugal.

Asemade no texto asegurábase que “temos claro que as causas desta catástrofe son as políticas de abandono do rural propiciadas polo PP” e “denunciamos a ausencia de políticas de prevención que manteñan os nosos montes limpos e a falta de previsión diante dunhas condicións climatolóxicas que se sabía dende hai varios días que eran as peores para a propagación de lumes: vento, seca e altas temperaturas”. O manifesto concluía pedindo a demisión do presidente da Xunta de Galicia.

Este acto formaba parte do conxunto de concentracións que se convocaban por parte da CIG en diferentes cidades galegas na tarde do 16 de outubro.

Artigos relacionados

Back to top button