CulturaCulturaÚltima hora

Verín recolle nun portal pioneiro a prensa existente na vila de 1893 a 1936

Son oito os semanarios incluídos no proxecto, que continúa vivo e que vén de presentarse publicamente nun acto na Biblioteca de Verín

Ata catorce cabeceiras chegaron a editarse en Verín entre finais 1893 e 1936. Algo moi inusual en vilas deste tipo e mesmo en cidades. Esa riqueza xornalística, reunida e conservada en preto de 2.000 reproducións que foron doadas en decembro de 2016 por Santiago Cid Harguindey á Biblioteca Municipal de Verín, está agora a disposición de investigadores e dos veciños de Verín a través de internet. Poden consultarse no portal http://hemeroteca.bibliotecadeverin.es .

Esta nova web, na que se vén traballando nos últimos meses dende a biblioteca en colaboración con outras persoas, dábase a coñecer na tarde do 6 de outubro nun acto presentado por Luis Cougil e no que participaban o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, xunto cos xornalistas Xosé Carlos Caneiro e Rafael Cid; un dos responsables da biblioteca, Vicente Rodríguez, e María Isabel Villamarín, autora dun traballo sobre a prensa local na comarca de Monterrei.

Vicente Rodríguez comezaba explicando en que consiste esta base de datos aloxada na web da bibioteca, como pode accederse a ela, así como o traballo realizado ata o de agora para facela posible. Un traballo “colectivo” e “a anos vista”, dado que a biblioteca compatibiliza este labor coa súa ampla e variada axenda de actividades ao longo do ano. Asemade Rodríguez destacaba o motor de búsqueda da nova web, xa que cada un dos xornais dixitalizados (oito polo de agora) e catalogado pode localizarse a través dunha procura cronolóxica, pero tamén temática.

De seguido tomaba a palabra Xosé Carlos Caneiro, quen amosaba a súa satisfacción ante esta iniciativa “porque creo que estamos diante dunha das actuacións culturais máis importantes da historia de Verín que eu recorde” e facía un recoñecemento público ás persoas “que fixeron esta historia extraordinaria que ten Verín con respecto ao xornalismo. Non hai moitos lugares de Galicia cunha historia xornalística como a nosa, nin sequera de España”.

Nese mesmo aspecto incidía Rafael Cid. “A puxanza da prensa de Verín só é comparable á que había en Cataluña nese momento, cunhas 15 cabeceiras e dúas imprentas”. Ademais cualificaba este proxecto como “un novo valor para que siga medrando esta biblioteca”.

 

Labor de catalogación.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, lembraba que “hai máis de dous anos, cando nos tocou a responsabilidade de gobernar este concello, unha das primeiras cousas que tiñamos na cabeza era recuperar a identidade como pobo. Non é contar unha historia, senón identificarnos cunha parte da nosa historia”. Incidía asemade no valor de dixitalizar estes semanarios e “poñelos ao servizo do público”, algo, destacaba, que “xenera un motivo de orgullo e de identidade”. Asemade agradecía o traballo de todas as persoas implicadas neste proxecto e adiantaba que o Concello de Verín ten previsto editar o traballo sobre a prensa local realizado por María Isabel Villamarín, que falaba tamén no acto sobre este mesmo tema, e tamén preparar unha exposición.

A presentación pode verse en:
https://www.youtube.com/channel/UCfEHvm_5aBBaUQv_3NfvBAQ

Fotos: Biblioteca Municipal de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button