ConcellosÚltima hora

Verín recupera a súa pasarela

O 26 de setembro celebrarase unha nova edición do desfile “Verín de moda”
Presentación do cartaz da "Pasarela Verín de moda".
Presentación do cartaz da “Pasarela Verín de moda”.

Sábado 26 de setembro. 20:30h. Pavillón de deportes de Verín. Son os datos clave para asistir ao desfile de moda que a vila do Támega recupera despois de catro anos, da man de Verín Centro Comercial Urbano e AEVER en colaboración co Concello.

Segundo explican dende a organización trátase dun proxecto “que nace para potenciar o turismo de compras e a importancia turística de Verin como centro histórico e centro neurálxico da moda e o comercio”.

Baixo o nome “Pasarela Verín de Moda” o evento pretende unir as sinerxías de institucións, comerciantes e empresarios en prol da promoción de Verín como destino turístico de compras e como un escaparate aberto ao mundo. “Un evento que se cronificará e ampliará cada ano converténdose deste modo no evento de moda mais agardado de Monterrei e Ourense Sur”, din dende AEVER.

O espectáculo, que contará coa presenza de numerosos rostros do mundo da música e da interpretación como Lucía Pérez, Rafa Durán, María Mera, Rosa Cedrón ou Diana Nogueira, entre outros, arrancará cunha impresionante apertura e contará con pases de moda das diferentes casas participantes e actuacións, “o que fai que o evento teña un atractivo moi grande para todo o publico e de tódalas idades”.

Ademais, o desfile infantil será o prato forte con ata 56 modelos da vila de entre 3 e 12 anos, que serán elixidos no casting que se celebrará o vindeiro venres 18 de setembro de 17 a 20h. no mesmo pavillón.

Artigos relacionados

Back to top button