En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Viana loita para evitar que o lume chegue ata Fornelos de Filloás

Este incendio forestal, que se iniciaba onte na Gudiña, propagouse ao longo do municipio vianés pondo en perigo varios pobos

O lume segue mantendo en vilo aos veciños de Viana do Bolo. Este incendio forestal, que se iniciaba onte na Gudiña e que logo se propagaba polo territorio vianés, continúa tendo un longo foco activo, de case 1 km, que se dirixe cara o pobo de Fornelos de Filloás. Frealo é agora o obxectivo das persoas que traballan na súa extinción e niso están centrando os seus esforzos, explica o tenente de alcalde de Viana do Bolo, Santiago Barja, que segue moi de preto a evolución do lume. “Choveunos un pouquiño e algo se humedeceu a terra, a ver se o conseguimos controlar”, apunta. Xunto a el estaba tamén o alcalde vianés, Secundino Fernández, e o outro tenente de alcalde, José Antonio Alfonso.

Pola tarde volvían a vivirse momentos dramáticos na localidade de Bembibre ao mudar a dirección do aire. “Viviuse outro momento difícil porque cambio ou sentido do vento e parecía que quería volver a entrar no pobo, pero ao final afortunadamente non foi así”, relata Barja.

Tamén durante a tarde se traballaba para evitar que as chamas se achegasen ata Fradelo algo que tamén se conseguía. “Meteuse un bulldozer e logrouse parar”, comenta Barja. Ademais do labor realizado polos equipos de extinción, o tenente de alcalde vianés resalta a gran participación de persoas voluntarias que están a colaborar para porlle freo ao lume, agradecendo a súa axuda. Calcula que só neste lume poderían ter ardido máis de 2.000 hectáreas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button