En portada

Viana, sede da II Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Este encontro, cuxa temática será “Pastos, gandeiría e territorio nas áreas de montaña”, terá lugar o 9 e 10 de outubro
Gando en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.
Gando en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Gandeiros e técnicos de diversos puntos de Galicia congregaranse en Viana do Bolo no marco da 2ª Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), prevista para os días 9 e 10 de outubro. A temática deste foro, que terá como escenario a Casa da Cultura, será “Pastos, gandeiría e territorio nas áreas de montaña”. O programa abrirase ás 10h. do 9 de outubro cunha ponencia sobre experiencias na mellora de pastos na alta montaña lucense, impartida polo gandeiro de Cervantes José Manuel Gómez e polo técnico de Medio Rural Víctor Álvarez. De seguido, abordarase a evolución das actividades agro-gandeiras na comarca do Bolo na última década da man do enxeñeiro de montes Secundino Fernández, técnico da Oficina Agraria Comarcal e alcalde de Viana.

A seguinte intervención será a do veterinario e investigador do Serida, Koldo Osoro, quen falará sobre o desenvolvemento de explotacións gandeiras beneficiosas e logo haberá unha conferencia sobre análise económica dunha pequena explotación e outra sobre a experiencia de iniciación da cría de cabras nos Ancares, a cargo do enxeñeiro agrícola Marcos Vázquez e do enxeñeiro de Montes Miguel Cordero, respectivamente. Ademais o técnico Joel Presa explicará a implantación e manexo de pradeiras biodiversas de sequeiro. Xa durante a tarde realizaranse visitas a explotacións de vacún de carne do entorno dos montes da Gonza, nos municipios da Veiga e de Viana do Bolo.

Na segunda xornada deste encontro, o gandeiro lucense de ovino Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (USC), impartirá a ponencia “Pastos e Territorio: pasado, presente ou futuro”. Posteriormente, analizarase o relevo xeracional como alternativa da man de Lina García, enxeñeira agrónoma e gandeira de vacún incorporada, natural de Fradelo (Viana do Bolo); e de Xavier Fernández, biólogo e gandeiro de ovino e vacún de Cospeito. O programa continuará cunha saída para ver as explotacións de ovino de carne de Nieves Fernández en Quintela do Pando (Viana) e de pluriactividade (viñedo, ovino de carne, vacún de leite, adega e queixería) na Mata (Manzaneda).
Esta é a primeira ocasión na que a SGPF celebra esta reunión na provincia de Ourense. As xornadas, que abordan temas vencellados a experiencias reais, estarán abertas ao público.

Artigos relacionados

Back to top button