Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Victoria Prego recolle o Premio Ourensanía

Adicaba este galardón, que concede a Deputación de Ourense, á memoria do seu pai e do seu tío

Ourense “forma partes das miñas máis fondas raíces de identidade” aseguraba a xornalista Victoria Prego nun emotivo discurso ao recoller premio Ourensanía 2014. Agradecía esta distinción e adicáballa “á memoria do meu pai e do meu tío, que nunca renunciaron á súa Ourensanía nin a súa Galeguidade, como forma de ser, como recoñecemento de identidade para estar no mundo erguendo o estandarte de galegos alí onde fosen”.

Foi un dos momentos máis sentidos do acto de entrega deste galardón que tiña lugar no Teatro Principal de Ourense na mañá do 11 de novembro, día de San Martiño, e que reunía a diversas personalidades dos ámbitos social, cultural, económico e institucional, entre elas o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro.

O premio “Ourensanía”, que concede a Deputación de Ourense, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. Neste caso o xurado decidía por unanimidade outorgarllo a Victoria Prego tendo en conta “as imprescindibles achegas que fixo a comunicadora nos ámbitos da comunicación e da política para entender a historia de España dende a Transición ata os nosos días”. Ademais, consideraba que a xornalista (sempre comprometida, de seu e polas súas raíces, con Ourense), é “unha voz indiscutible que creou escola xornalística, opinión e sentido crítico, achegando criterio e prestixio na súa escrita, referendada polas máximas autoridades institucionais, historiadores e investigadores da España do último medio século”. Os presidentes da Xunta e da Deputación de Ourense facíanlle entrega a Victoria Prego do diploma acreditativo deste premio e dunha figura de bronce do escultor Xosé Cid

Na súa intervención o presidente da Deputación sinalaba que a Ourensanía “non ten fronteiras, non entendemos Ourense con limitacións. O noso concepto de provincia sobresae do xeográfico e relaciónase directamente co terreo dos sentimentos”, e subliñou que a Ourensanía “lévase dentro, vai de serie incorporada en calquera persoa que ame un concepto que non exclúe, participativo, enormemente creativo, traballador e coa pegada universal que nos outorga a nosa condición de pobo emigrante”.

Ademais lembraba aos ourensáns que foron quen, “co seu traballo e as súas ideas”, “de constituírense en auténticos referentes con pegadas inesquecibles, dende o principio dos tempos ata este século XXI”, citando unha serie de nomes entre os que figuraban Barreiro, Franqueira ou Domínguez. E, referíndose xa á galardoada nesta edición apuntaba que “é un exemplo de xornalismo próximo pero reflexivo, tolerante e atractivo, ambicioso e insaciable, moderado e rigoroso, un auténtico referente social, unha protagonista en primeira liña dos cambios que se veñen producindo neste país dende a transición ata os nosos días”.

Tamén tomaba a palabra no acto o presidente da Xunta, quen resaltaba que o Premio Ourensanía é un recoñecemento a todos aqueles galegos e galegas que “contribúen á tarefa de construír unha Galicia cara á fóra”. Homes e mulleres, agregou, que alá onde exercen o seu traballo, “difunden unha pegada de galeguidade” que é “un sinal inequívoco de compromiso coa terra”. Asemade apuntaba que estes galardóns “son a proba manifesta de que o galeguismo non ten fronteiras”, e de que Galicia “conta con capital humano dabondo para contribuír a darlle vigor”.

A música tamén cobraba protagonista neste acto. Ao principio María do Ceo estreaba o seu fado Ourensanía, mentres que como broche da entrega de premios tiña lugar a primeira interpretación oficial do Himno de Ourense (dende que o pasado 31 de outubro a obra de Manuel de Dios, “Ourense no Solpor” fora aprobada pola Corporación Provincial como Himno Oficial da Provincia de Ourense), a cargo da coral Vellos Amigos. A peza tivo unha moi boa acollida e mesmo houbo un bis.

Artigos relacionados

Back to top button