EconomíaEconomíaViticultura

VII Vinis Terrae, cita cos viños galegos en abril en Ourense

Expourense e Medio Rural concretaban nunha reunión as liñas de cooperación para este certame profesional que se desenvolverá en Expourense
Túnel do viños, unha das actividades da pasada edición de Vinis Terrae, en Expourense.

Un salón estritamente profesional, que reúne aos representantes das adegas das cinco denominacións de orixe galegas (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e a compradores nacionais e internacionais para planificar a venda do viño galego nos diferentes mercados. Así é Vinis Terrae, un certame que nesta primavera celebrará a súa sétima edición en Expourense.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, veñen de manter nunha xuntanza de traballo na que perfilaron as liñas de cooperación para desenvolver este salón de viños e licores galegos.

O director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, na xuntanza coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ambos coincidían en valorar a importancia deste certame como punto de encontro de adegueiros e comercializadores. En “Vinis Terrae” 2017 tamén participarán industrias e cooperativas das indicacións xeográficas protexidas de viños da terra (Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e Val do Miño-Ourense), así como elaboradores e envasadores de augardentes e licores tradicionais de Galicia. No eido da distribución e a hostalería, está prevista a presenza de representantes de diferentes comunidades autónomas españolas e de máis de 15 países, así como prensa especializada.

Ademais de traballar neste centro de negocios, os asistentes ao certame tamén disporán dun amplo abano de actividades relacionados co viño e coa cidade de Ourense, especialmente pensadas para coñecer de primeira man as características doas elaboracións galegas, as instalacións das adegas e a situación actual do sector. Así, haberá catas comentadas, un túnel do viño, maridaxes, conferencias, visitas a adegas e percorridos guiados polo casco histórico de Ourense e os seus baños termais.

Artigos relacionados

Back to top button