ConcellosÚltima hora

Vilar de Santos celebrou o Día do Maior con música, moda e arte

Unha actuación da coral As Bolboretas, unha sesión de bailoterapia, un desfile e unha exposición de lenzos centraron o programa
Foto de familia de todos os participantes no festival.
Foto de familia de todos os participantes no festival.

O Concello de Vilar de Santos homenaxou aos seus maiores coa celebración do II Festival do Maior, no marco do Día Internacional do Maior. O Salón Multiusos do Concello foi o escenario elixido para  levar a cabo unha programación festiva que aunou música, baile, moda e arte e da que puideron gozar usuarios e traballadores do Centro de Día-Vivenad Comunitaria de Vilar de Santos, veciños que participaron no Proxecto Comunitario “Saber envellecer” e outros asistentes. Ademais, estas actividades foron o resumo das terapias realizadas polos profesionais do centro ao longo do ano.

Durante a celebración, houbo moita música, cunha actuación da coral As Bolboretas, creada polos usuarios do Centro de Maiores, e unha sesión de bailoterapia e coreografía do proxecto “Saber envellecer”. Pero tamén houbo espazo para a moda, coa organización dun desfile na que se mostrou unha colección de complementos feita tamén polos usuarios do Centro de maiores. De igual xeito, levouse a cabo unha proxección de traballos realizados por estas persoas e unha mostra de lenzos realizados na rede de centros do Consorcio de Benestar e no Centro de Maiores. Tamén se entregaron os traballos feitos polos usuarios do centro no último ano. Para finalizar o festival, houbo entrega de diplomas aos participantes e agasallos aos colaboradores.

Artigos relacionados

Back to top button