En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vilariño de Conso exalta os seus produtos típicos e os oficios tradicionais

Numerosas persoas visitan unha singular mostra cuns 35 expositores, demostracións en vivo e xogos populares ao longo da xornada do 13 de agosto

Soa o chifro do afiador, mentres as mulleres fían o liño e xira o torno do oleiro. Os antigos oficios cobran vida en Vilariño de Conso o 13 de agosto. Esta localidade acolle ao longo desta xornada unha exitosa II Mostra de Produtos típicos e de Oficios tradicionais que atraía durante a mañá a multitude persoas.

No recinto feiral poden visitarse uns 35 expositores dos máis diversos produtos: aceites e mel, pasando por fariña de castiña, arandos, licores, marmeladas, doces variados, obxectos de artesanía en diferentes materiais… Tamén conta cun espazo de seu a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño, no que se promociona a singularidade e valores do seu Entroido.

Ademais inclúense exposicións de navallas, de motos clásicas e mesmo unha exhibición de cetrería. Ao redor das 14:30h. servíase, xa no pavillón, un xantar-degustación cuns 200 comensais. Do menú forman parte a empanada de Boletus, a troita en escabeche, o cabrito asado e doces de castañas e montonico.

Pola tarde continuarán a mostra e as actividades con xogos populares (petanca e tiro con arco), unha nova exhibición de cetrería e obradoiros de olería.

A alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, fai un balance moi positivo desta segunda edición desta mostra que se pretende consolidar dende o Concello. Asemade destaca a asistencia de público, a resposta e implicación dos expositores, así como a variedade de actividades complementarias.

A organización desta mostra está en mans do Concello de Vilariño de Conso que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, o Inorde e Mantesil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos:
https://osil.info/uns-200-comensais-no-xantar-da-ii-mostra-de-produtos-tipicos-de-vilarino-de-conso/

Artigos relacionados

Back to top button