OurenseÚltima hora

Viticultura e música no “Focus Galicia”

O programa chega á provincia de Ourense con “showcases” no Ribeiro e concertos no Teatro Principal da cidade
Presentación do "Focus Galicia" en Ourense.
Presentación do “Focus Galicia” en Ourense.

A cidade de Ourense e a comarca do Ribeiro centrarán este martes 21 de ouutbro a actividade do “Focus Galicia”, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que busca “impulsar a proxección internacional da nosa música a través do encontro entre artistas galegos e programadores chegados de 16 países de catro continentes.

Os 27 xestores musicais que integran a delegación internacional, participarán en visitas culturais e turísticas, ademais de asistir aos “showcases” de Abe Rábade e Daniel Minimalia e ao concerto que Caxade e Cuarteto Caramuxo ofrecerán ás 19h. no Teatro Principal de Ourense e que estará aberto ao público xeral.

A axenda profesional e artística deste martes, dará comezo cunha visita á comarca do Ribeiro, onde os participantes poderán degustar os produtos típicos da terra nun xantar que irá precedido de catas especializadas co apoio do C. R. D. O. Ribeiro. Ademais, na Adega Viña Mein celebrarase un “showcase” a cargo de Abe Rábade, pianista compostelán formado no Berklee College of Music e director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Pola súa banda, a Adega Ramón do Casar, inaugurada recentemente, acollerá a actuación do músico ourensán Daniel Minimalia, que tras a gran proxección internacional do seu disco de debut, distribuirá o seu segundo traballo, “Arenas de Luna”, no mercado norteamericano e europeo.

Tras estas sesións os participantes dirixiranse a Ourense, onde realizarán unha visita guiada polas Burgas e o casco histórico da cidade. A comitiva rematará o seu percorrido no Teatro Principal, co concerto de Caxade, novo referente do indie-folk galego, e do Cuarteto Caramuxo, banda que se define a si mesma como o único cuarteto do mundo con seis compoñentes e que destaca pola súa reinterpretación da tradición musical galega.

Artigos relacionados

Back to top button