En portadaÚltima hora

“Coñecín un senfín de persoas no Courel que deixaron algo en min”

O filme “Trinta Lumes” de Diana Toucedo abría o 22 Festival de Cine Internacional de Ourense no Auditorio Municipal de Ourens

A festa do cinema chega á capital. A máquina do 22 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) xa está posta en marcha e arrancaba na noite do 20 de outubro cunha gala no Auditorio Municipal de Ourense e cun filme rodado en terras do Courel pola cineasta galega Diana Toucedo. Dábase así o pistoletazo de saída á semana da sétima arte na cidade das Burgas que rematará o vindeiro 27 de outubro.

Polo phtocall pasaron numerosas personalidades entre as que destacaron actores e actrices como Sara Casasnovas, que debuta como directora e súmase á carteira de cineastas galegos presentes neste festival como Hugo Amoedo, Jaione Camborda, Héctor Carré, Aser Álvarez, José Manuel Mouriño ou Iván Nespereira. Un total de 15 filmes que se suman aos 65 presentes na carteleira. Tamén o mítico Antonio Durán, “Morris” e, como non, a directora do filme inaugural “Trinta lumes”, Diana Toucedo.

A gala arrancou coa presentación dos “Focos” como Marilia Rocha, de Brasil; Janette Muñoz, Chile e Mariano Llinás, arxentino, que pediu unha homenaxe a “un pai da patria”, Federico Luppi, o cineasta recentemente falecido.

Pola súa banda, o director artístico do OUFF, Fran Gayo, quixo ser unha voz de alento para “aqueles resistentes”, dixo referíndose aos que “aínda nos gusta o cinema”. O director reiterou que os festivais de cine deberían de ser “ese refuxio para os resistentes”. Dentro dese saco de resistencia meteu aos rapaces da Carballeira “que levan creando cinema durante estes últimos meses” a través dun programa do OUFF. Gayo non se quixo despedir sen render unha homenaxe ao intelectual ourensán Alfonso Prada, creador da revista cultural “La furia humana” falecido no mes xullo e, en verbas de Gayo, “un conselleiro excelente”.

Os incendios que asolaron Galicia estes días tamén estiveron presentes nesta gala inicial. Pois foi o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen arrancou o seu discurso agradecendo o traballo dos efectivos e voluntarios e mandando unha mensaxe de apoio aos afectados. Vázquez asegurou que este ano o OUFF “sae á rúa a buscar novos espectadores” e tivo palabras de agarimo para o público, “sen vós, non habería cinema”, dixo.

E dos incendios en Galicia fala precisamente o último traballo do consagrado director Óliver Laxe, “Aquilo que arde”, do que se poderán ver as primeiras imaxes neste 22 OUFF.

A encargada de pechar a quenda de discursos, e de abrir o festival, paradoxicamente, foi a directora Diana Toucedo que, emocionada, asegurou que durante a gravación de “Trinta lumes” coñeceu “a un senfín de persoas no Courel que deixaron algo en min”. Toucedo aproveitou a ocasión para reivindicar o cinema galego: “estamos a vivir un recoñecemento a nivel mundial porque somos un cinema máis sensible, non comercial, que achega realidades moi coñecidas”, dixo.

En canto a “30 lumes” explicou que no Courel a palabra lume “ten un significado moi positivo e non como o que vivimos estes días en Galicia”. A directora dixo que eses 30 lumes “son os 30 rapaces que aínda viven no Courel e que manteñen viva esa fermosa zona que a temos aquí ao lado”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button