CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Xestreu presenta en concerto “Non me toques a saia!”

Esta exitosa actuación tiña lugar na noite do sábado 11 de marzo na Casa da Cultura da Valenzá

Coas entradas esgotadas dende varios días antes, o grupo de pandereteiras ourensás Xestreu presentaba en concerto o seu novo disco “Non me toques á saia!” na noite do sábado 11 de marzo na Casa da Cultura da Valenzá. Este traballo musical, que dá nome tamén a unha campaña paralela en favor da igualdade e en contra da discriminación, abusos e agresións contra as mulleres; era acollido con entusiasmo polo público.

O repetorio estivo integrado por pezas de música tradicional galega, pero tamén doutras latitudes “porque a música e a cultura non saben de fronteiras”, apuntaba Celia Garrido durante o concerto.

 

Un dos momentos do concerto ofrecido por Xestreu na Valenzá.

 

Ese alegato a favor da igualdade planeaba ao longo do concerto, no que as pandereteiras estiveron acompañadas por varios músicos. Ademais a concelleira de Igualdade en Barbadás, Ánxela González, clamaba polo fin da violencia contra as mulleres e pola igualdade de oportunidades. Nesa mesma idea incidían despois Nila Caballero, Ana Quintas, Nina Liceras, Celia Garrido e Sabela Dacal, as cinco compoñentes de Xestreu naas diferentes intervencións nas que anunciaban as cancións a interpretar.

 

As pandereteiras de Xestreu cos músicos que as acompañaron na actuación.

 

A campaña e o disco están complementados por unhas camisetas que levan rotulado o título deste traballo como lema. Xestreu puxo á venda tanto o CD como as camisetas no propio recinto, con gran aceptación por parte dos asistentes. O grupo está moi satisfeito coa receptividade acadada. A venda de camisetas e discos vai ir destinada á financiación dos custos de gravación e mais para o apoio da campaña posta en marcha en favor dos dereitos das mulleres.

Este exitoso concerto de presentación do disco vén de levar a Xestreu a anunciar unha nova actuación en Ourense.

 

As pandereteiras recibindo os aplausos do público.

Artigos relacionados

Back to top button