OurenseÚltima hora

O XII Festival Internacional Rebulir comeza baixo o lema “Bailar coa terra”

Música e danza enchen o programa de actividades deste evento cultural, que terá lugar dende hoxe ata o 17 de decembro
Manuel Doval, Alexandre Sotelino, J. Carlos Rodríguez, Cecilia Vázquez e Marisol Díaz.

A duodécima edición do Festival Internacional Rebulir (FIR), baixo o lema “Bailar coa terra”, ofrece desde hoxe ata o día 17 de decembro un programa de actividades culturais que abrangue actuacións de música e danza de grupos de Ramirás, Castela e León, Portugal, Euskadi, Ecuador e Ucraína.

O deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, dixo na presentación de hoxe, 14 de decembro, que a Asociación Cultural Rebulir “entende a cultura como a ferramenta imprescindible para transformar a sociedade e que medre en valores, logrando que o FIR sexa xa un referente máis aló das nosas fronteiras”.

O director artístico do FIR, Alexandre Sotelino, explicou que entre as novidades deste ano destaca a “importante ampliación do programa porque continuamos a manter as catro xornadas de Festival pero cunha implicación de actividades de base, porque queremos chegar tamén as actividades a outras áreas para levarlle un petisco do Festival”.

Outra das novas apostas desta edición é o modo de presentación da gala central, que este ano corre a cargo de regueifeiros que “non son presentadores ao uso, senón que será algo distinto que interpelará ao público e aos propios grupos”, sinalou Alexandre Sotelino.

Pola súa banda, o alcalde de Ramirás,José Carlos Rodríguez, destacou a importancia que ten o desenvolvemento desta actividade para o municipio e agradeceu á Asociación cultural, “que xa implantou as súas raíces alí, por movernos a moita xente moza”.

Pola súa parte, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, dixo que o Goberno galego apoia a esta asociación “polo seu traballo a prol da nosa cultura e desa actividade que desde Rebulir facedes coa mocidade para implicalos na dinamización sociocultural da zona e fomentar o contacto interxeracional e animen a nosa vida do rural”. Nese senso, a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, sinalou que “un recente estudo publicado pola Plataforma Estatal de Voluntariado de España, Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en participación voluntaria e este Festival e esta Asociación é un claro exemplo desta aposta pola participación nas actividades de acción voluntaria”.

Programación

O programa de actividades comeza hoxe ás 15:30 horas coa animación na Residencia de Maiores “O Mosteiro” con Xurxemurxe e continúa, ás 17:30 horas, coa inauguración da exposición “As imaxes do Alén” no Centro Cultural de “O Picouto”, e rematará a xornada ás 20.00 horas co obradoiro “Danzas do mundo: Bailar coa terra”, no espazo xove en Ourense.

Ao día seguinte, o 15 de decembro, as actividades comezarán ás 12:30 horas coa recepción dos grupos. Ás 15:30 horas será a quenda para o obradoiro “Aprendemos un Mundo” no CEIP Rogelio García Yañez. Posteriormente, ás 19:00 horas, haberá, por unha banda, un obradoiro de Regueifas no Centro Sociocultural do Picouto e animación polas rúas de Celanova a cargo do grupo de danzas Maragatería de Castela e León. Ás 20:30 horas será a quenda para o concerto didáctico de Regueifeiros no Centro Sociocultural do Picouto e, ás 22:30 horas, actuación do grupo Gaztedi Dantzari Taldea de Euskadi no Luar.

O sábado, 16 de decembro, a programación comeza cunha saída á cidade de Ourense e ás termas e, ás 12:00 horas, o grupo de Castela e León animará as rúas de Celanova e, media hora despois, será a quenda para o grupo de Portugal, Pauliteiros de Sendim, que actuación na Praza Maior de Celanova. Ás 18.30 horas haberá unha degustación gastronómica e, ás 19:00 horas, será a gala central do Festival no polideportivo de O Picouto. “Os Premios Rebulir da cultura galega 2017 son no eido da música, para Uxía Senlle, polos máis de 30 anos de traxectoria; no eido da comunicación, para Xosé Ramón Gayoso, por ser un gran defensor da cultura e patrimonio galego; e un premio homenaxe para o escritor, Lois Antón, defensor da cultura popular”, explicou Alexandre Sotelino.

Artigos relacionados

Back to top button