CulturaMúsicaÚltima hora

XIII Castañazo Rock, o 31 de outubro en Chantada

Sés, Dios ke te crew ou Berri Txarrak entre as bandas que actuarán no festival
Sés será a cabeza de cartaz do Castañazo Rock 2015.
Sés será a cabeza de cartaz do Castañazo Rock 2015.

O venres 9 de outubro ás 19 horas na Casa da Cultura de Chantada, a Asociación Cultural O Castañazo presentará o cartaz e a programación deste ano do festival Castañazo Rock que se celebrará o sábado 31 de outubro no mercado gandeiro da localidade lucense. No mesmo escenario da presentación pódese asistir a unha exposición conmemorativa dos vinte anos do nacemento do rock bravú, inaugurada esta semana e que conta con fotografías e carteis das diferentes edicións do Castañazo Rock, entre oturas cousas.

Con respecto ao festival e tal como explican dende a asociación, “unha vez máis, os concertos no recinto chantadino irán acompañados de diversas actividades que intentarán contribuír á activación da nosa vila e que significarán unha aposta pola variedade cultural”. Así, o Castañazo Infantil abrirá a xornada lúdica do día 31 pola mañá, seguido polos Cantos de Taberna, ao longo de dez bares do casco urbano. Xa no mercado gandeiro, pola tarde chegará o momento dos Xogos Bravús, e “como non podía ser doutro xeito en tempo de castañas, haberá a posibilidade de participar no tradicional magosto popular”, engaden dende a organización. Ao redor das 20 horas comezará o prato forte do Castañazo Rock 2015, os concertos.

A cantautora galega Sés, coa súa mestura de música tradicional con ritmos latinos e estilos coma o blues ou o rock dará o pistoletazo de saída ás actuacións, que se prolongarán ata ben entrada a madrugada, e que contarán asemade co hip hop cantado en galego de Dios ke te Crew. Nesta edición do Castañazo tampouco faltará Liviao de Marrao, banda chantadina que presentará ante os seus veciños o seu segundo álbume “Que cada câo lamba a súa caralla”.

Fora da música galega, o Castañazo Rock 2015 volve apostar pola diversidade, tanto musical coma cultural e os navarros Berri Txarrak aterrarán en Chantada cun novo disco no peto. Dende Valencia chegará La Gossa Sorda para inundar de calor mediterráneo a noite chantadina de outono, e dende Hungría Paddy and the Rats, mesturarán punk e folk, para esquecer problemas de todo tipo entre bailes, brincos e alegría.

As entradas para os concertos poden adquirirse a través da web Codetickets dende o mércores 7 de outubro, por 16 euros máis gastos de xestión. Tamén se poden mercar en puntos de venda físicos: en Chantada (Café Meigo), en Santiago de Compostela (A Reixa Tenda), en Lugo (Don Disco), en Ourense (Peggy Records), en Vigo (Tendas Tipo) e na Coruña (Discos Portobello).

Máis información na web www.castanhazo.com

Artigos relacionados

Back to top button