DeportesÚltima hora

A Ximnasia de Trampolín dase cita mañá no “Paco Paz” na VIII Copa Galicia Internacional

Manuel Pérez, Jose Manuel Estévez, Rosendo Fernández, Cristina Sánchez e Bernardino González.

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación acollerá, entre mañá, 21 de abril, e o día 23, a VIII Copa Galicia Internacional de Ximnasia de Trampolín, así como o Encontro de Seleccións Internacionais, nas categorías de Junior e Senior, de Holanda, Portugal e España.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe, 20 de abril, no Pazo Provincial, un acto no que que participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o coordinador do deporte base no servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e o presidente e a secretaria xeral da Federación Galega de Ximnasia, Jose Manuel Estévez e Cristina Sánchez, respectivamente.

A Copa Galicia Internacional de Ximnasia de Trampolín conta cunha “ampla participación chegando ás 350 persoas entre ximnastas, técnicos, xuíces e persoal de organización, procedentes de clubs de todo o territorio nacional e de Portugal”, dixo Rosendo Fernández.

O presidente da Federación Galega de Ximnasia lembrou que este evento naceu “hai oito anos no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, como unha parte máis dunha Copa Galicia que tamén temos noutra modalidade deportiva de acrobacia”. Segundo o presidente, obxectivo desta Copa é que “os nosos deportistas lograsen un nivel, tanto nacional como internacional, importante, o cal conseguimos porque no último Campionato de Europa, España sacou seis medallas, e en todas elas, menos unha, había un deportista galego”, asegurou Jose Manuel Estévez.

En canto á situación actual desta disciplina deportiva, Estévez dixo que a súa intención é elevar o nivel da competición: “hoxe, Galicia, é a comunidade con máis participantes e que traemos máis medallas nos Campionatos nacionais”, reiterou.

Manuel Pérez salientou “o alto nivel” da ximnasia en Galicia e en Ourense, tanto no que atinxe “ao rendemento deportivo dos ximnastas que están a lograr grandes resultados a nivel nacional e europeo, como na organización de eventos desta índole”.

Finalmente, Cristina Sánchez remarcou “a ampla participación de deportistas de base, que permitirá que poidan ver a ximnasia de alto nivel e saber a onde poden chegar”.

Artigos relacionados

Back to top button