CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Xinzo lembra ao “escritor que imaxinou Galicia como un país de palabras”

A praza de Carlos Casares acollía unha homenaxe moi especial de veciños, representantes políticos e da RAG no Día das Letras Galegas

Con música e coa descuberta dunha placa conmemorativa na praza que leva o nome de Carlos Casares en Xinzo de Limia comezaba o acto institucional de homenaxe a este autor, tras o plenario da Real Academia Galega (RAG) nesta vila ourensá. Na adicatoria da placa pode lerse: Carlos Casares, “escritor que imaxinou Galicia como un país de palabras”. De seguido, na carpa instalada nesta mesma praza tiña lugar un recital de obras de Carlos Casares a cargo de catro alumnos dos catro centros educativos de Xinzo e a actuación de María do Ceo que intepretaba o tema “Xinzo”.

A partir de aí comezaban os discursos. A primeira delas era a do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, quen se refería a Casares como “un neno labrego. Sempre da cabalo entre a vila e a aldea, a súa primeira paisaxe, xeográfica e tamén humana, está definida polas terras de Xinzo, de Beiro, Lamas ou Sabucedo. Este é o seu Macondo, pero un Macondo galego e real poboado por xentes que sementaron nel o amor polo relato”. Pero tamén falaba del como “un labrego das palabras Recollíaas e sementábaas. A súa creación, tan fecunda, e a súa capacidade para chegar a todos os públicos, partía dese segredo. Devolvía ao lector contos e palabras escoitados, e logo elaborados no seu inesgotable maxín. Seguramente poucas veces estivo tan próxima a cultura oral da literaria”.

Seguidamente interviña o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, quen falaba do Carlos Casares “home”, da súa “bonhomía. Era un bo home que intentaba sempre a través do diálogo chegar a puntos de acordo”. Recordaba ademais os diferentes actos que se levan facendo en Xinzo para celebrar o ano Casares e adiantaba que en decembro, como remate, o Concello habilitará un espazo como Museo de Carlos Casares en colaboración coa Fundación que leva o nome do autor. “Faremos que Carlos Casares siga estando vivo dentro de todos nós”, concluía.

Ademais tomaba a palabra Håkan Casares, quen falaba dende “a experiencia dun fillo”. Confesaba que unha “homenaxe como ésta é algo moi emocionante, gustaríame que todo o mundo puidera sentir o que nós sentimos hoxe. Ao final o que máis emociona é a xente anónima que se achega e di que o meu pai era unha boa persoa”. Lembraba asemade á súa nai, Kristina Berg, e “dos nenos da familia. O Día das Letras Galegas debe ser unha festa para os nenos”. Neste mesmo aspecto incidía o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que aludía á importancia da implicación dos nenos “neste tipo de iniciativas, hai que escoitar máis á xente nova”.

A clausura corría a cargo do presidente provincial, Manuel Baltar, quen anunciaba que a Deputación de Ourense outorgará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, ao escritor ourensán, “excelente embaixador da Ourensanía”, afirmando que mañá xoves asinará a providencia para iniciar o expediente para a concesión da dita distinción, iniciativa que será levada ao pleno do presente mes de maio da Corporación provincial. O acto institucional de hoxe rematou coa interpretación do Himno Galego, a cargo da Banda de Música de Xinzo de Limia.

Neste acto participaban, ademais da familia de Carlos Casares, numerosas autoridades e representantes políticos e do mundo sociocultural galego, así como veciños de Xinzo. Pouco despois, soaban os motores da concentración de motos Harley Davidson, tamén en homenaxe a Casares, e había quen aproveitaba para visitar unha mostra fotográfica sobre o escritor.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos:
https://osil.info/xinzo-epicentro-das-homenaxes-carlos-casares-no-dia-das-letras-galegas/

Artigos relacionados

Back to top button