EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A XIX Festa do Viño Novo de Cabanelas, o 20 de novembro

O programa desta celebración presentábase na mañá do 4 de novembro nesta zona do Carballiño
Acto de presentación desta celebración.
Acto de presentación desta celebración.

Nun escenario de máis de 300 anos de antigüidade, a adega de Emilio Vázquez, presentábase na mañá do 4 de novembro a XIX Festa do Viño Novo de Cabanelas (O Carballiño), que se celebrará o vindeiro 20 de novembro. Ofrecerá un programa de animación musical, coa charanga Castro Vello, e non faltará unha degustación dos produtos típicos das romarías: pulpo, carne ao caldeiro, chourizos con cachelos, castañas e viño novo de Cabanelas, principal protagonista da cita. O xantar está previsto para as dúas da tarde, pero tamén se poderá degustar este mesmo menú a partir das 18,30h., e ata a noite.

O Concello do Carballiño porá a disposición das persoas que queiran acudir a este evento e non desexen levar o seu coche, un servizo de microbús gratuito, que sairá da Praza Maior (fronte á casa consistorial) cada hora entre as 11,00 e as 14,00, e entre as 16,00 e 19,00 h. Durante a presentación o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega aseguraba que esta festa constitúe un reclamo para vir a visitar esta parroquia, “cunha das paisaxes máis fermosas do Carballiño e do Ribeiro”, e “para seguir impulsando o cultivo do viño, que é a mellor forma de contribuir á recuperación de Cabanelas”. Tamén lembraba que hai tres parroquias baixo a denominación de orixe do Ribeiro, e que esta circunstancia debería aproveitarse para promover proxectos de replantación máis dimensionados.

Ademais do rexedor, ao acto de presentación asistían os concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Medio Rural, Rosario González; que destacaban o interese dos veciños por manter e impulsar esta festa como unha demostración de convivencia e unha forma de xuntar aos que viven fóra e dar a coñecer os seus recursos aos visitantes.

Xunto a eles estaban asemade o mantenedor da festa, Delfín Borrajo, e colleiteiros e veciños da parroquia, que animaban a todas as persoas que descoñecen esta zona a achegarse o 20 de novembro e desfrutar dunha xornada de festa.

Artigos relacionados

Back to top button