OurenseÚltima hora

Xoán Carlos Domínguez presenta os seus “Versos para conversar” en Ourense

O libro é un compendio de máis de trinta poemas “pensados para xogar e ler en familia”, dixo o autor
O editor Francisco Castro e Xoán Carlos Domínguez na presentación.

O poeta Xoán Carlos Domínguez vén de presentar hoxe, 17 de febreiro na librería Punto e Coma de Ourense, o seu último libro de poemas dedicados ao público infantil e xuvenil titulado ” Versos para conversar”, con ilustracións de Pablo Rosendo. Unha compilación de máis de 30 poemas nos que, segundo o autor, “son para ler en familia”. Estes poemas están divididos en apartados semánticos e “en todos hai un exercicio de proximidade, calor, optimismo e de explorar as posibilidades da musicalidade que ofrece a nosa lingua”, asegurou Domínguez. Asemade, moitos dos poemas que presenta este traballo fan xogos como as vogais abertas e pechadas ou a pronunciación do “x” en galego “algo moi característico e moi de noso”.

O autor, antes de comezar a recitar os poemas acompañado pola música en directo do saxofón de Manuel Ferro, fixo unha pequena introdución na que describiu o xénero do verso como “unha ánfora no fondo do mar na que, para poder collela, hai que conter a respiración para collela. A poesía é pensamento, emoción, cabeza e corazón ao instante, pode percibirse cos sentidos e os abre”.

En canto ao público ao que vai dirixido. Xoán Carlos Domínguez explicou aos presentes que “a culpa de todo a teñen Minia e Celtia, as miñas fillas”. O poeta asegurou que as súas nenas lle suxeriron que deixase de facer poemas para maiores e que fixese poemas para elas, e ese foi o comezo de “Versos para conversar”. Ao rematar a presentación fixo unha sinatura de exemplares.

Artigos relacionados

Back to top button