DeportesÚltima hora

A xogadora do Ourense Envialia, Andrea Carid, estará no I Campus do C.D. Rúa

O campamento, dirixido a nenos de 4 a 16 anos, celebrarase do 3 ao 9 de xullo no Aguillón
Andrea Carid co cartel do I Campus de Verán do C.D. Rúa.

Cos meses de verán chega o momento dos campamentos lúdico-deportivos, tamén na Rúa. Despois de once anos celebrándose o campus de fútbol, o ano pasado non se levaba a cabo, deixando aos cativos da vila sen a posibilidade de asistir. Para que este ano nos sucedera o mesmo, dende o club de fútbol decidían coller as rendas e organizar en colaboración co Concello, o Iº Campus de Verán C.D. Rúa que se desenvolverá do 3 ao 9 de xullo no campo Novo Aguillón.

Ao fronte do campamento, dirixido a nenos de 4 a 16 anos, estarán monitores e adestradores titulados que forman parte do club, como Luis Ferrer, Rosendo Durán e Javier Ferrer, que aumentarán en función da demanda “con xogadores do primeiro equipo que nos asistirán”, explica Ferrer. El mesmo explica que o horario do campus será de 10 a 14 horas e que non só se centrarán no apartado deportivo, que si tentarán mellorar perfeccionando técnicas e tácticas de cada xogador, senón que tamén fomentarán hábitos saudables e a mellora de certos valores tanto de respecto cara os demais, como coidado do material, aprendendo a “convivir e relacionarse”.

 

Prebenxamíns do C.D. Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

A principal instalación que utilizarán será o campo de fútbol pero tamén asistirán á piscina e ao pavillón coa celebración de torneos internos. A data límite para inscribirse remataba hoxe, luns 26 de xuño, o día no que dende o club rues anunciaban a presenza como colaboradora de Andrea Carid. A xogadora milita actualmente no Ourense Envialia, equipo que vén de proclamarse campión da Copa de España de fútbol sala feminino, pero tamén estivo vinculada ao fútbol conseguindo o subcampionato de Europa  coa selección sub 17. Sobre a súa experiencia en ámbolos dous deportes falará aos asistentes ao campus, fomentando así a igualdade nestas disciplinas deportivas.

Artigos relacionados

Back to top button