CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Xogos, cinema e cánticos na Semana Cultural de Vilanova (O Barco)

A Asociación O Mosteiro organiza as xornadas nas que Xosé L. Foxo presentou o seu libro sobre cantigas

As Escolas Municipais de Vilanova (O Barco) acollían, na tarde do 17 de agosto, o acto central da Semana Cultural organizada pola asociación O Mosteiro. Trátase da presentación do libro “Cancioneiro antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor” de Xosé Lois Foxo Rivas, fundador e presidente da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a Escola provincial de gaitas de Ourense.

O propio autor, presente no acto, explica que neste volume de grandes dimensións e froito de máis de 35 anos de recompilacións, “podemos atopar 500 cánticos coa súa correspondente gravación, unha documentación fotográfica de tempos pasados, as partituras, a historia dos gaiteiros da comarca de Quiroga (eses gaiteiros pobres que andaban tocando polo tren),… A experiencia de ter recollido os cantos en pobos nos que xa non queda ninguén”. Trátase, segundo as palabras de Foxo dun “patrimonio para futuras xeracións”, o mesmo que quere facer en Valdeorras xa que leva sobre 30 anos recompilando material nos distintos pobos da comarca “hai cousas moi interesantes e incluso en Vilanova hai xente que sabe cánticos vellos”, dixo.

O acto, co que se pechaba o programa de activididades (con concursos de debuxos e xogos para nenos; campionatos de cartas e petanca para adultos; merendas; e a proxección do filme “A Vaca”), consistíu na proxección do dvd publicado co libro xunto a catro cd’s, a actuación de cantores da comarca e unha merenda para todos os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button