EconomíaEconomíaÚltima hora

Xornada sobre recomendacións técnicas para a produción de castaña

Celebrarase os días 15 e 16 de decembro e incluirá ponencias en Boqueixón e visitas a soutos como os de Manzaneda
Detalle do cartaz desta xornada que incluirá visitas a soutos ourensáns.
Detalle do cartaz desta xornada que incluirá visitas a soutos ourensáns.

Ao longo de dous días a xornada “Recomendacións técnicas para a produción de castaña” abordará o cultivo desta arbore dende un punto de vista teórico, con diversas sesións, pero tamén práctico con saídas a zonas produtivas da provincia de Ourense e de Lugo.

O simposio comezará o 15 de decembro na CFEA de Segurde, na localidade coruñesa de Boqueixón. Durante a mañá haberá diferentes disertacións tocando temas como o castiñeiro no viveiro, a planificación e mantemento deste cultivo, a compatibilidade patrón/variedade, a priorización variedades ou a selección de polinizadores. Asemade falarase sobre a modernización do sector, a reestruturación, a mecanización e a agrupación.

Ás 14:30h. ofreceráselles aos participantes unha degustación de produtos elaborados en base á castaña de Galicia e, xa pola tarde, a xornada proseguirá plantexando novos bloques temáticos ao redor do castiñeiro: a experiencia de produtores rexistrados na IXP Castaña de Galicia, a composición de prezo, a calidade, os produtos con castaña, os mercados.

Tamén se incidirá na importancia da marca de calidade IXP Castaña de Galicia, no valor engadido do produto, na confianza do consumidor, no fraude alimentario e explicarase qué é a IXP Castaña de Galicia e como funciona e se organiza. Tampouco se esquecerá o apartado da promoción.

Como relatores da xornada figuran Santiago Ramos Rodríguez, coordinador-técnico ASPROGA, Pablo Antonio Fraga Gontán, técnico Alibós Galicia, S.L., María Carmen Fernández Quintairos, produtora IXP Castaña de Galicia; Manuel López Pérez, decretario CR da IXP Castaña de Galicia e Amarelante Soc. Coop. Galega, así como membros da MVMC Nogueira-Anllo.

O programa deste encontro proseguirá o 16 de decembro cunha serie de visitas a soutos da provincia de Ourense. Así, durante a mañá visitarase o souto de Rozabales de Manzaneda, declarado Monumento Natural pola Xunta, así como outros soutos recuperados pola Cooperativa Amarelante neste mesmo concello.

Xa pola tarde, os participantes nesta xornada viaxarán ata Sober (Lugo) para coñecer o souto de Lobios e a nova plantación de MVMC Nogueira-Anllo.

Esta acción formativa será organizada pola Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.

Artigos relacionados

Back to top button