ConcellosÚltima hora

Xornadas de cooperación transfronteiriza en emerxencias, en Verín

A sede da Eurocidade Chaves-Verín acollía do 4 ao 6 de xuño un encontro con máis de 50 participantes de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal
Acto de clausura destas xornadas celebradas en Verín.
Acto de clausura destas xornadas celebradas en Verín.

Verín convertíase en escenario dende o 4 de xuño das xornadas “Cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias: colaboración e coordinación entre os organismos intervinientes”, enmarcadas dentro do Proxecto ARIEM 112 en materia de atención das emerxencias e protección civil no ámbito transfronteirizo de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal.

Ao longo de tres días (ata o 6 de xuño) técnicos dos servizos contraincedios, dun e doutro lado da fronteira, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, da dirección xeral de Tráfico, do Sergas e da Axencia Galega de Emerxencias realizaron unha completa análise da cooperación transfronteiriza dende as diversas perspectivas dos sectores implicados: a cooperación institucional, a cooperación en servizos de salvamento e contraincendios, emerxencias sanitarias ou tráfico, entre outros.

“No XXVII Cumio Ibérico celebrado este mércores, por primeira vez na historia na Eurocidade, pecháronse importantes acordos que inciden directamente nas poboacións fronteirizas, e entre eles acordouse a revisión do protocolo adicional en materia da loita contra incendios forestais co obxecto de estendelo a outras operacións de protección e socorro necesarias para obter unha mellor resposta ante situacións de catástrofe evitando duplicidades e descoordinacións”, indicou o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán. “Este acordo optimizará de forma evidente a coordinación de servizos dos dous países, aínda que seguiremos a insistir na liña que nos propuxemos con outras organizacións de fronteira para que se nomee un coordinador de emerxencias a nivel ibérico que teña autoridade ante unha catástrofe e poida enviar efectivos ao territorio veciño seguindo un esquema que está a funcionar moi ben como é o das comisarías conxuntas”.

Na última das sesións deste foro presentáronse os relatorios “Cooperación transfronteiriza en materia sanitaria” de Nieves Domínguez González, xerente do Servizo Galego de Saúde, e “ARIEM 112. Unha experiencia positiva que debemos consolidar no futuro” de Santiago Villanueva Álvarez, director xeral de Emerxencia e Interior da Xunta de Galicia e vicepresidente de AXEGA.

No acto tamén participaron, entre outras autoridades, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o delegado da Xunta, Rogelio Martínez. A estas xornadas asistiron máis de cincuenta participantes procedentes de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal.

Asistentes a este encontro transfronteirizo.
Asistentes a este encontro transfronteirizo.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button