CulturaCulturaÚltima hora

Xornadas sobre Blanco Amor no Liceo de Ourense

O presidente da RAG Xesús Alonso Montero, inaugurará o encontro o 1 de decembro

Programa_XornadasBlancoAmor_AF_sen_marcas

Do 1 ao 3 de decembro o Liceo de Ourense acollerá as “Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento”, un encontro que se enmarca no abano de actividades que se veñen celebrando ao longo do ano para render homenaxe á figura do intelectual ourensán. O evento está organizado polo departamento de Cultura da Xunta a encargo do Centro PEN Galicia, para o que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do propio Liceo.

O encontro comezará o día 1 de decembro cunha ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco de Ourense na que intervirán o xornalista Siro López; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; así como representantes do Concello e da Deputación Provincial de Ourense, e alumnado de educación secundaria de centros da provincia. O mesmo día o Salón Nobre do Liceo acollerá a conferencia de apertura na que o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, afondará a relación do escritor con Manuel Azaña e Federico García Lorca, ao tempo que ofrecerá unha mirada á obra de Blanco Amor dende a perspectiva da sociolingüística. Asemade, Víctor Freixanes presentará o libro “A moneca de Blanco Amor” de María Xosé Queizán; e María do Ceo e o pianista Xavier Vaz ofrecerán unha actuación musical baseada en poemas musicados do autor.

O día 2 será a quenda para analizar a pervivencia da escrita de Blanco Amor, nunha mesa redonda moderada por Armando Requeixo que contará coa participación de Bieito Iglesias, Damián Villalaín e Luís Pérez Rodríguez.

As xornadas pecharanse o día 3 coa mesa redonda “EBA: a lembranza dos amigos”, moderada por Luís González Tosar coa intervención de Maribel Outeiriño, Nemesio Barxa e Carlos Laíño.

Artigos relacionados

Back to top button