CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Xubilación de Manolo Agra, profesor de Lingua e Literatura Galega do IES Martaguisela

Manuel Agra.

Manolo profesor de Lingua e Literatura Galega, entusiasta, responsable, entregado e xerador de fichas escritas a man cunha caligrafía perfectamente aliñada, pouco usual, que xa quedarán para os anais de documentos especiais do centro.

Manolo gran presentador e mellor animador de todo tipo de actos do instituto. Mestura xenial e amena de citas célebres da Literatura e Historia de Galicia co humor e a retranca da terra. Éxito asegurado e prestando este labor sempre desinteresadamente, como corresponde aos bos e xenerosos.

Manolo bo cantante e enxeñoso rimador, gozoso de música e coma ela alegre e vital. Onde houbo música aí estivo Manolo, participando no coro de profesores, en primeira liña de canto nos magostos, ceas de Nadal, despedidas de compañeiros e celebracións varias do instituto.

Manolo coordinador máximus do departamento de comunicacións. Non houbo medio periodístico que se lle resistira e fixo chegar con eficacia todas as noticias relevantes do noso centro á prensa local e rexional. O noso imprescindible mediador co exterior.

Manolo fotógrafo da natureza. O seu facebook da boa conta da beleza en fotos que recolleu durante anos da súa queridísima terra galega, con especial atención á terra de Valdeorras. Con humildade ( sen ínfulas de fotografo profesional e podendo selo) pero con orgullo patrio, case diariamente nos regalou unha ou varias imaxes de pura fantasía.

Manolo político de vocación e fonda conciencia social. Incansable, loitador e comprometido. Abandeirado das causas perdidas e gañando moitas! que difícil ausencia para os seus compañeiros do BNG Valdeorras!

Manolo, compañeiro e amigo, soubeches estar tamén, cando se precisaron algo máis que cancións, dando alento.

Que os ventos da cidade do Norte che sexan favorables. Grazas e ata sempre. Foi un pracer.

Texto: Marta Cortés, profesora de Música do IES Martaguisela.

Artigos relacionados

Back to top button