SanidadeÚltima hora

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Valdeorras solicita a cobertura de todas as prazas vacantes

Na mañá do 12 de xaneiro convocaba unha rolda de prensa para dar a coñecer a “situación de desatención” na que se encontra o hospital valdeorrés
Representantes da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

A Área Sanitaria de Valdeorras “pouco a pouco, despaciño, sen facer ruído, está sendo desmantelada”. Así de rotunda se manifestaba a Xunta de Persoal do hospital valdeorrés na mañá do 12 de xaneiro, na rolda de prensa que emitia para “dar a coñecer novamente a situación de desatención e ineficacia de xestión en que se encontra a Área, e deixar de facerse cómplice co seu silencio dunha situación que acabará por facer desaparecer ou reducir á ineficiencia, a sanidade pública neste hospital”.

Así pois, dende a Xunta de Persoal denuncian “o progresivo desmantelamento que en capital humano está a sufrir esta área”, poñendo como exemplo que neste momento no Hospital C. Valdeorras, só de especialistas “faltan por cubrir o 66% das prazas de pediatría, o 50% de traumatoloxía, o 100% de rehabilitadores, o 100% de preventivistas, o 100% de médicos de traballo, o 50% de cirurxiáns e un 25% de anestesistas”.

 

Jesús Vilasánchez na rolda de prensa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Co respecto á atención primaria, “a día de hoxe non hai médico específico ocupando a praza do Centro de Saúde da Veiga”, din dende a Xunta de Persoal, engadindo que en Viana do Bolo, de tres médicos “por diversas causas só hai neste momento unha, e ten que ser apoiada reducindo as horas de consulta doutros centros de saúde como o de Vilariño de Conso”. No Barco de Valdeorras falta un pediatra e no referente a esta especialidade “en Viana hai reivindicacións colectivas solicitando o  incremento das horas depediatría”, din, asegurando que hai moitos outros problemas aos que se enfronta a sanidade nesta área.

Por todo iso, como Xunta de Persoal solicitan “a cobertura de todas as prazas vacantes tanto en especializada como en atención primaria, a devolución á Área de Valdeorras dos recursos que tiñamos antes, e o cumprimento desas magníficas promesas electorais que só foron contos de fadas”.

Na tarde do mesmo 12 de xaneiro, o Sergas de Ourense emitía unha nota de prensa na que se aseguraba que “grazas a coordinación de medios e persoal que posibilita a implantación do modelo de xestión integrada, nos centros sanitario públicos das Áreas Sanitarias de Ourense e Valdeorras, o mantemento da actividade asistencial do Hospital Comarcal de Valdeorras, está plenamente garantida e mantense con plena normalidade a nivel de consultas, ingresos e intervencións”.

O Sergas tamén matiza que “no caso do Hospital Comarcal de Valdeorras, neste intre tanto a EOXI como a propia Xerencia do HCV están traballando activamente na procura de especialistas para cubrir vacantes de Pediatría, Rehabilitación, Traumatoloxía, Medicina Preventiva e Cirurxía, ademais de para ampliar o cadro de persoal cun profesional de Medicina do Traballo e Saúde Laboral. Todas elas especialidades neste intre cunha demanda que supera a oferta existente no mercado laboral”.

Tamén se indica que, “ademais de diversas xestións que permitirán contar de xeito inmediato con novos profesionais para os servizos de Rehabilitación e Cirurxía, agárdase unha solución definitiva para o conxunto de servizos en febreiro, coincidindo coa entrada no mercado laboral da promoción de médicos interno residentes (MIR) en formación”.

Finalmente o Sergas anuncia que tamén en febreiro, procederase ao “nomeamento indefinido dun profesional para a atención médica do Centro de Saúde de A Veiga, que trala xubilación do seu titular, estaba a ser atendido por dous médicos de xeito continuado, cubrindo tódala xornada ordinaria semanal, ademais de completar tamén a vacante por traslado dun dos médicos do Centro de Saúde de Viana do Bolo”.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button