DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A 11ª Carreira do Turrón do Barco volve batir récords de participación e creatividade

Unhas 1.070 persoas entre nenos e maiores tomaban a saída nesta divertida proba non competitiva que ten ademais un carácter solidario

Elfos corredores, bonecos de neve, árbores de Nadal, billetes de lotería, agasallos, Papá Noel ou elfos. As mil e unha expresións do Nadal plasmábanse, botando tamén man do humor, nos disfraces dos participantes na 11ª Carreira Popular Solidaria do Turrón do Barco que se celebraba na tarde do 21 de decembro do Barco. A cita batía novamente récords de participación chegando, segundo a organización (en mans da Concellería de Deportes do Barco), ata os 1.070 inscritos de todas as idades, dende meniños de menos de 5 anos ata veteranos.

Tras a carreira dos máis pequenos, que saía dende a fonte da ra e remataba en Andrés de Prada, o resto de corredores concentrábase nesta praza agardando o inicio da proba de maiores ás oito horas. Entre tanto, ían recolléndose os dorsais e tamén depositándose bolsas con produtos alimenticios nos carriños, que logo serán doados ao Banco de Alimentos. Momentos antes da saída tiña lugar unha exhibición de zumba.

A partir de aí, procedíase a dar a saída a esta multitudinaria proba non competitiva que podía realizarse camiñando ou correndo. Dábase tamén a posibilidade de completar unha, dúas ou ata tres voltas ao circuíto, que tras saír de Andrés de Prada discorría pola avenida Conde Fenosa, para logo desviarse cara ao Malecón e chegar ás proximidades do campo da festa para, de seguido, dar a volta cara Andrés de Prada.

Tras finalizar a carreira, pasadas as oito e media da tarde, os corredores eran agasallados pola organización cun chocolate ben quentiño acompañado de biscoitos. Despois procedíase ao sorteo de diversos agasallos e tamén á entrega de diversos premios á participación individuais e colectivos (mellor disfraz navideño, ao corredor máis xove, ao de máis idade…). Tamén había agasallos para todos os cativos.

Coa organización desta cita deportiva e festiva colaboraban a Policía Local e tamén Protección Civil, que velaban pola seguridade ao longo do percorrido.

Fotos: A.R.

Máis fotos:
https://osil.info/os-mais-pequeninos-abrian-unha-multitudinaria-divertida-11a-carreira-turron-barco/

Artigos relacionados

Back to top button