OurenseÚltima hora

12.000 persoas da área metropolitana de Ourense serán convocadas para un cribado esta fin de semana

Ourense ten a día de hoxe 970 casos activos de Covid19, Barbadás 107, Pereiro 37, San Cibrao 23 e Toén 20, segundo Sanidade

 

A área metropolitana formada polo concello de Ourense e catro dos concellos límitrofes, Barbadás, Pereiro de Aguiar, Toén e San Cibrao das Viñas, concentra o 40% dos casos activos da provincia, por elo, esta fin de semana 12.000 dos seus veciños e veciñas serán convocados para participar nun cribado selectivo aleatorio, entre a súa poboación de 18 a 64 anos, na procura de detectar casos asintomáticos e reducir a taxas de transmisión e incidencia.

Ourense ten a día de hoxe 970 casos activos de Covid19, Barbadás 107, Pereiro 37, San Cibrao 23 e Toén 20. Se ben os concellos con menor poboación non teñen un alto número de casos, preocupa a suba das taxas acumuladas, que se incrementaron significativamente nos últimos 14 días. Con 903.7 casos por 100.000 habitantes Ourense; 869.8 Barbadás; 891.7 Toén; 557.8 Pereiro; e 462.6 San Cribrao. Polo que as autoridades sanitarias optan por actuar preventivamente para limitar a transmisión.

A fin de semana, en Expourense

Como no anterior cribado masivo realizado en Ourense, a mostraxe terá lugar en Expourense, o sábado día 6 e o domingo 7 de febreiro, en horario de mañá a tarde, mediante test de antíxenos e PCR. As persoas seleccionadas dos cinco concellos serán convocados por SMS.

Como vén sendo habitual, nestes peneirados masivos que se están a suceder na nosa provincia, a proba será voluntaria, non si, as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as convocadas que participen, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e evitando así que contaxien ás persoas do seu entorno próximo. Ademais os resultados aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.

Recoméndase asemade seguir as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, ou non facelo de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou gardando corentena á espera do resultado dunha proba.

Revisión dos datos e mensaxería

A citación realizarase nas próximas horas a través dunha mensaxe de SMS, sistema que permite unha convocatoria masiva nun tempo mínimo, inabordable vía telefónica. Ademais, a recepción da mensaxe, coa hora e lugar da cita, evita os posibles erros da transmisión oral, e serve de “salvoconducto” para pasar dun concello a outro, tendo en conta o peche perimetral de todos os municipios.

A mensaxe enviase ao teléfono móbil que consta na ficha de cada usuario, polo que, novamente, o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, aproveitando calquera trámite ou visita que se realice ao centro de saúde ou hospital de referencia, para comprobar os datos que constan na tarxeta sanitaria. Ademais, lembramos que é preciso estar dado de alta no sistema de mensaxería electrónica do Sergas. (https://www.sergas.es/A-nosa-organizacion/Subscrici%C3%B3n-SMS?idioma=es)

Igualmente prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outras vías, matiza Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button