EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

12 adegas e 9 artesáns na Baco Festa 2022, no recinto feiral do Aguillón da Rúa

 

Trala xornada inaugural da Baco Festa 2022, que na tarde noite do venres 12 de agosto atraía a decenas de persoas ata o recinto feiral do Aguillón, na Rúa, a festa de evocación romana e exaltación do viño continua ao longo do día e noite deste sábado día 13. Viño, música, gastronomía e actividades para os máis pequenos marcaron a axenda desta segunda xornada da Baco Festa, que se prolongará ata despois da medianoite, cando conclúa o concerto do grupo Los Players.

No recinto feiral, un total de doce adegas da zona habilitaron casetas promocionais dos seus viños para que os visitantes poidan degustalos. A estes postos, hai que sumar as nove casetas de artesanía e a caseta promocional que o Concello da Rúa cedeu ao seu municipio de Almendralejo, para que poida promocionar o seu territorio e a súa enogastronomía. Ademais, a Asociación Cultural Abertal, que actuará na festa cos Cantos de Taberna e coa Banda de Gaitas, conta tamén cun espazo promocional propio dentro do recinto feiral.

Introdución ao piragüismo

 

 

De forma paralela celebrábase unha xornada de portas abertas de introdución ao piragüismo promovida dentro do cartel da Baco Festa para os máis pequenos. Os responsables de Piraguismo A Rúa (Club Fluvial O Barco) ensinaron os materiais e diversas técnicas de iniciación a esta disciplina deportiva a diferentes menores a partir de oito anos que se inscribiron na iniciativa.

En total, tal e como asegura o monitor Jesús Rodríguez, foron uns 30 nenos e nenas da comarca os que se decidiron a coñecer de preto -ao amparo desta actividade- como se usan as pas e as piraguas, á vez que puideron gozar dun paseo en piragua pola zona dunhas dúas horas de duración.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button