OurenseÚltima hora

120 residencias de maiores e vivendas comunitarias da provincia, libres de COVID-19

Sanidade vén de facer públicos os resultados do varrido realizado en centros da terceira idade na área sanitaria ourensá

 

 

Os resultados do varrido realizado pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras nas 128 residencias e vivendas comunitarias existentes na provincia, amosan que o 95,2% dos residentes destes centros son negativos a infección por coronavirus.

“En total recolléronse mostras para a realización dunha PCR, para determinar o contaxio de Covid_19, a todos os residentes,  4.891,  e a todas as persoas que traballan nelas, 2.654. Un labor que foi realizado polo persoal dos once equipos de recollida de mostras de Ourense, Verín e Valdeorras, que traballaron en xornadas de mañá e tarde, todos os días da semana, para percorrer as residencias e vivendas comunitarias, públicas e privadas, da provincia e conseguir rematar, o maior cribado que se realiza na nosa Comunidade, en menos de vinte días”, tal e como se informa dende Sanidade. Cos resultados obtidos do varrido, 120 residencias e vivendas comunitarias resultaron libres de contaxios.

Ademais deste cribado, os equipos de recollida continúan a realizar mostraxes, naquelas residencias ou vivendas nas que se detectou algún positivo. “En total, dacordo con esta procedencia, a día de hoxe, 79 das persoas ingresadas nos hospitais da provincia, nos dispositivos asistenciais de Piñor e Os Miragres, ou na propia residencia de orixe son positivas a infección. Delas, 33 permanecen nas únicas cinco residencias que hoxe acollen pacientes positivos”, segundo Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button