EntrevistasEntroidoÚltima hora

“O Entroido é para todos e é de todos”

Joaquín González “Quin Ardillas” e Joaquín Obregón “Quin da Norita”, un dos artífices do Luns do Entroido no barrio de Cimadevila e a Morena de Laza, respectivamente

 

Quin Ardillas e Quin da Norita, coa cabeza e o armazón da Morena de Laza, que sae do barrio de Cimadevila cada Luns de Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.
Quin Ardillas e Quin da Norita, coa cabeza e o armazón da Morena de Laza, que sae do barrio de Cimadevila cada Luns de Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Texto: Ángeles Rodríguez/ Fotos: Carlos G. Hervella

Unha multitude expectante e ansiosa agarda na praza de Cimadevila dende primeira hora da tarde. É Luns de Entroido e a baixada da Morena está a piques de comezar. Os primeiros en saír son os coballeiros. Xunto a eles, veciños con sacos de formigas e outros con grandes toxos. Ei Morenaaaa!

 

De súpeto, esta máscara, con face de madeira e cornos, fai a súa aparición, arremetendo contra todo aquel co que se atopa. Desátase entón a forza, retranca e ritualidade da festa, nun intenso percorrido ata a praza da Picota, marcado por unha chuvia de formigas e polos espiñentos toques dos toxos. Cobra así vida unha tradición que conservan con sumo coidado os veciños de Cimadevila. Sobre ela afondan nesta entrevista, mantida nun mediodía de xaneiro no bar deste barrio lazano, un dos puntos de encontro para preparar o Entroido. Nela fala Joaquín González Rodríguez, o “Quin Ardillas”, que custodia a Morena, tallada décadas atrás polo seu pai. Tamén intervén Joaquín Obregón González, o “Quin da Norita”, que encarna dende hai 27 anos á Morena, ademais de ser Peliqueiro. “Eu son doutro barrio, pero tiña o costume de entrar nos bares e de representar o ritual da Morena e, cando o que a levaba foi entrando en anos, o encargado da máscara, o pai do “Ardillas”, pensou que eu era a persoa idónea para continuar con ela”.

A escasas semanas da festa, os veciños ultiman os preparativos. Fóra, na praza de Cimadevila reina un silencio que contrasta co rebumbio e a troula que se respira aquí no Entroido, unhas datas especialmentes esperadas.

¿De onde provén o ritual da Morena?
Quin da Norita (Q.N.): Segundo os nosos antepasados, vén dunha vaca chamada Morena que existíu nun barrio que hai un pouco máis arriba. Un día sacarona a pastar e marchouse para a praza e alí empezou a botarse a xente e, en especial, ás mulleres con falda que saían da misa e así naceu este ritual.
A Morena é a referencia principal do Entroido en Cimadevila…
Quin Ardillas (Q.A.): Eu nacín neste barrio e dende pequeniño vivín o Entroido e tamén puxen catro anos o Peliqueiro. Pero igual que noutras zonas de Laza tira máis o Peliqueiro, aquí tiramos máis pola Morena porque é algo noso e no que todos participamos. O Entroido necesita de moita colaboración. Ademais dos personaxes coñecidos, hai outra serie de persoas que son fundamentais para que sexa posible: hai que facer carrozas, andar coa charanga, preparar as cousas, buscar os formigueiros e alimentalos antes para que estean potentes nesas datas… Son traballos que non se ven, pero logo, cando todo sae ben o Luns de Entroido, recibes a recompensa. Iso é algo que che queda aí e temos que seguir coa tradición.

 

Veciños de Cimadevila co Quin da Norita, no bar do Moreno, situado na praza deste barrio de Laza. Este  é un dos puntos neurálxicos do Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.
Veciños de Cimadevila co Quin da Norita, no bar do Moreno, situado na praza deste barrio de Laza. Este é un dos puntos neurálxicos do Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Como se buscan as formigas e como se preparan para botalas o Luns?
Q.A.: Na primavera ou no verán é cando ves os formigueiros. Máis ou menos sitúalos e márcalos nun calendario e cada certo tempo váiselle botando algo: migas de pan, fariña… As formigas teñen moitos inimigos e trátase de coidalas para que no inverno non morran. En concreto cóllense as que chamamos cabalarias, que son das máis grandes que hai en Galicia. Vaise por elas o mesmo Luns de Entroido, despois de comer. A xente acostuma xuntarse neste bar, toma o café e logo van a buscalas. Cada un sabe do seu sitio. Non se collen todas, sempre se deixan algunhas para que queden para o vindeiro ano. Despois, tráense e rocíanse con vinagre para mesturalas e póñense ao calor e así no momento no que teñen que actuar están moito máis nerviosas.
Q.N.: Os que imos coa Morena olvidámonos diso, xa se preocupan as pandillas de ter as súas formigas e bótanse coa terra que traen, todo o mundo colabora.
¿Cando comezan a botarse?
Q.N.: Cando se sae da praza, primeiro pasa a Morena e xunto a ela burro, no que vai unha persoa (normalmente, unha muller) enganada. Despois van os grupos botando formigas, uns diante, outros detrás. No momento no que chegas á Picota cada un tira polo seu lado e alí é a apoteose.
Q.A.: Antigamente a xente escapaba e aproveitábase para percorrer todas as rúas e pechar un pouco os camiños para que non puidese pasar e que se xuntara no medio da praza. Así podías collela alí. Agora non, é ao revés, a xente espera polas formigas.
Q.N.: Lembro que, cando eu empecei a levar a Morena, o día das formigas era para a xente do pobo, case non había ninguén de fóra, podías andar e actuar tranquilamente. Sen embargo, dalí a uns anos, aquilo foi medrando e agora é case imposible baixar coa Morena. Eu levo a unha xente comigo que me vai abrindo camiño cuns toxos, senón non podería moverme e fisicamente acabo derrotado, é un desgaste tremendo. Despois sae a carroza coas cachuchas e convidan á xente a merendar, danlle viño… Ese momento puntual é impresionante.
A entrevista íntegra pode lerse no “Especial Entroido” en Galicia de O SIL

Artigos relacionados

Back to top button