En portadaGalerías de fotos

126.000 euros para restaurar o cauce do Xares na Veiga

Estes traballos, que abranguen unha zona duns 3 km no pobo de Baños, concluirán en outubro

Dende finais de xullo estase a traballar dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) na restauración do cauce e das marxes do río Xares ao seu paso pola Veiga, que se viron moi afectadas polos temporais dos primeiros meses deste ano xa que causaban danos en ambas marxes, en varios azudes e en pequenas infraestruturas de paso.

A actuación foi declarada de emerxencia polo Ministerio de Medio Ambiente e conta cun investimento de máis de 126.000 euros. Na mañá do 22 de setembro o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, visitaban as obras, que abranguen un treito duns 3 km na zona de Baños. Nesta visita estaban acompañados polo alcalde da Veiga, Juan Anta, e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades. Tamén os veciños se achegaban ao lugar e seguían as explicacións sobre o proxecto que ofrecía un dos técnicos da confederación.

O delegado do Goberno destacaba a importancia desta intervención “tanto medioambientalmente, como dende o punto de vista gandeiro e turístico. Este é un concello que nos meses de verán incrementa a súa poboación por temas turísticos e é evidente que era necesario recuperar o cauce e as marxes do río”. Xunto a el, o presidente da confederación detallaba as actuacións que se están a desenvolver. “O que se ten feito é fundamentalmente unha protección de marxes para que en sucesivas avenidas futuras o río non vaia afectando aos prados e á actividade gandeira da zona. Reconstruímos tamén seis presas en colaboración e coa autorización de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, posto que nos encontramos nunha zona moi próxima á Rede Natura 2000 e no mellor couto de pesca da provincia”. Ademais fixéronse “labores de desbroce daquela vexetación que está seca, e de árbores caídos e que estaban perxudicando a capacidade de desaugue do propio río”. Francisco Marín explicaba asemade os condicionantes medioambientais que obrigaron a facer determinados paróns nas obras, cuxo remate se prevé para o mes de outubro.

Pola súa banda, o alcalde da Veiga, agradecía á confederación o seu investimento “no medio rural. Esta inversión era necesaria, non só necesaria polo noso turismo, polos nosos pescadores, senón tamén polos nosos gandeiros”. Ao mesmo tempo pedía “unha segunda fase para finalizar este gran proxecto”. Tras supervisar as obras no río Xares, as autoridades achegábanse á zona veiguesa da praia dos Franceses, no encoro de Prada.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button